A Plataforma Galega denuncia que a Xunta non rexistrase ningunha alegación contra os campos experimentais solicitados por Pioneer e Monsanto.
O domingo celebrarase en Santiago a “Feira e Xantar Agroecolóxico pola Soberanía Alimentar e Contra os Transxénicos”
Con dous anos ás súas costas, a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), que suma a máis de 40 organizacións de todo o país, constatou un aumento no interese da cidadanía nos produtos xeneticamente modificados e, en consecuencia, na súa oposición. Para dar resposta a esta crecente demanda de información, ofrecerán nos vindeiros días diferentes actividades informativas enmarcadas na Semana da Loita Estatal contra os Transxénicos, que rematarán cunha manifestación en Madrid o vindeiro sábado 17 de abril.
Campos experimentais en Galiza
Entre as súas últimas accións, entre xaneiro e marzo deste ano, a PGA presentou alegacións diante do Ministerio de Medio Ambiente en contra do estabelecemento na Galiza de campos de experimentación das multinacionais Monsanto e Pioneer, respectivamente. Asemade, rexistraron un requirimento no que solicitan información sobre a situación destas parcelas, un dereito recollido por lei, mais do que, de momento, non gozamos.
Dende a Plataforma recordan que no pasado 2009, as alegacións presentadas tanto polo colectivo como pola Consellaría de Medio Rural impediron que se realizaran campos de ensaio no país. Porén, lamentan que no presente ano, a Xunta “non rexistrou alegación algunha contra os campos experimentais” e aínda máis: “non figura como asistente nas actas da Comisión nacional de Biotecnoloxía o representante da Consellaría, Ramón Xesús Lamelo (xefe de área de Sanidade Vexetal da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria)”.
Xornadas e debates
No marco desta Semana Estatal de Loita contra os transxénicos, o vindeiro venres 9 de abril o Concello de Ames, declarado libre de transxénicos e pioneiro en iniciativas como o subministro de alimentos ecolóxicos nos seus comedores escolares, acollerá unha xornada de debate que se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns baixo o título de “Os transxénicos e a súa afección no medio e na alimentación”.
Entre as seguintes actividades previstas está unha “Feira e Xantar Agroecolóxico pola Soberanía Alimentar e Contra os Transxénicos” que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro sábado 10 de abril.
Os transxénicos no mundo
Logo de adiantar a Arxentina, Brasil converteuse no segundo produtor mundial de cultivos modificados xeneticamente, despois dos Estados Unidos (EUA). Segundo publica este mércores o xornal Expansión, un 90% dos 14 millóns de agricultores que optaron por este tipo de cultivos en 2009 son pequenos produtores pobres de países en vías de desenvolvemento. Deles, 70 mil iniciaron estes biocultivos no último ano. Segundo explica Carlos Zucheto, produtor brasileiro que cultiva 625 hectáreas de soia e 150 de millo modificados, “a biotecnoloxía xorde en función da propia necesidade do agricultor xa que, despois de 32 anos empregando herbicidas, aparecen resistencias e ás veces é necesario botalo tres ou catro veces ao ano para ter un control medio do cultivo”.