Inclúe unha pataca para cultivo con fins industriais, a fécula desa pataca como penso e a comercialización de tres tipos de millo modificado xeneticamente.
A pataca Amflora, modificada xeneticamente, ten máis niveis de amidón e utilízase para a alimentación animal
Bruxelas deulle este martes o visto bo á comercialización de cinco novos alimentos transxéncios, entre eles o cultivo dunha variedade de pataca xeneticamente modificada (a chamada Amflora), producida polo grupo alemán BASF. O tubérculo destínase á utilización industrial polo seu alto contido en amidón e tamén á alimentación animal.
Esta é a primeira medida deste tipo nos últimos 12 anos na Unión Europea, onde os transxénicos seguen a xerar moita polémica. Cada Estado será agora libre de autorizar ou non o cultivo deste produto xeneticamente modificado.
A Unión Europea autorizou asemade a comercialización para fins alimentarios de tres variedades de millo transxénico da firma Monsanto, derivados do MON 863, segundo indican nun comunicado. No caso de Galiza, o millo transxénico é xa unha realidade en terras de Arzúa, Ribeira, Mesía ou Vilalba.
A Comisión Europea confirmou a súa intención de propor no verán unha mudanza na lexislación sobre os transxénicos para que os países teñan máis liberdade á hora de decidir o seu cultivo.