Os socialistas insisten en que o PPdeG asuma a gravidade da situación. Mais coa corda do Gürtel ao pescozo, Rajoy mira para outro lado e Feijoo cala.
Desde primeira hora deste martes, e cun día de atraso sobre o data anunciada, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid fai accesíbel o detalle do bautizado caso Gürtel, 50 mil folios onde se debulla un dos maiores escándalos de corrupción política dos últimos tempos no Estado Español, con ligazón directa a un feixe de altos cargos do Partido Popular.
O presidente do PP, Mariano Rajoy, volveu a tratar de quitarlle ferro ao asunto este luns no comité executivo do seu partido. Ao fío, a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, defendeu o feito de que a formación política asuma a defensa do ex tesoureiro do partido, Luís Bárcenas, un dos principais implicados na trama. Bárcenas mesmo conserva o seu despacho na sede do PP en Madrid, ocupa escano no Senado onde é responsábel da área de Economía do seu grupo.
"Hai xente no Goberno intimamente relacioanda co número dous da trama", apuntou este luns o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez. O líder dos socialistas esíxelle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que explique a súa relación con Pablo Crespo, ex secretario do PpdeG entre 1996 e 1999, actualmente en prisión e considerado un dos cerebros da trama. Recordou Pachi Vázquez que Pablo Crespo formou parte de Portos de Galicia até o cambio de goberno en 2005. Lembrando a responsabilidade do actual presidente no último goberno Fraga, subliña Vázquez que "ninguén cre en Galiza que Feijoo non coñecía a Pablo Crespo". Ao fío, deixa caer o secretario xeral dos socialistas unha advertencia, insinuando que no equipo de Feijoo "hai xente intimamente relacionada" con Crespo. "Tanto, que comían xuntos unha vez por semana", indica Vázquez en relación a un dos actuais conselleiros.
Entre outros, o diario Público, un dos que vén filtrando datos sobre o sumario, recorda que o PPdeG pagou 3,2 millóns de euros en diñeiro negro entre abril do 96 e setembro do 1999. Cartos que se lle pagaban a fornecedores de eventos para o PP no tempo en que Crespo era secretario de Organización do partido daquela liderado por Manuel Fraga.