O ministro Xosé Blanco, de visita en Fene para supervisar as obras da nova base de Salvamento, adianta que Galiza contará cun helicóptero e un heliporto máis.
O helipuerto vai para Cee
O ministro de Fomento, Xosé Blanco, anunciou esta cuarta feira que Galiza vai contar cun novo helicóptero de Salvamento Marítimo desde mediados de maio, para o que realizará un investimento de 13 millóns de euros. Ademais construirá un novo heliporto en Cee, na Costa da Morte, para esta aeronave, obra para a que destinará un total de medio millón de euros.
Nun acto en Fene, onde supervisou as obras da base de Salvamento e Loita contra a Contaminación, Blanco explicou que con este helicóptero Galiza pasará a contar con dous equipamentos deste tipo dependentes de Sasemar, que inicialmente operarán desde a base da Coruña.
O anuncio chega pouco despois de que se denunciase que Salvamento Marítimo demorou 16 horas en socorrer o buque Kea, afundido a 160 millas de Cabo Vilán. Ao contrario, Blanco subliñou a “actuación en tempo récord” e felicitouse da coordinación dos medios dependentes tanto do goberno español, como do portugués como da Xunta.
“Mar galego máis seguro”
"Queremos traballar no mar galego para que sexa cada vez máis seguro", proclamou na súa intervención o ministro que destacou que o traballo conxunto destas dúas aeronaves "permitirá cubrir dunha forma máis rápida e máis eficaz" unha urxencia, "non só no litoral de Galiza", senón tamén en toda a súa zona de influencia limítrofe no Cantábrico.
"Cando falamos da importancia da flota galega, falamos de miles e miles de vidas saíndo cada día ao mar a faenar", subliñou. No acto estivo acompañado, entre outras autoridades, polo alcalde de Fene, Iván Puentes, e polo delegado do goberno español en Galiza, Antón Louro, ademais de por numerosos parlamentarios socialistas e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.