Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PASOS PARA A PRIVATIZACIÓN (II)

A Xunta xa prescindiu dun 30% dos traballadores de Seaga

Os últimos despedimentos deixan baixo mínimos o Centro de Información ao Agro Galego, que pasou de 40 a 15 traballadores.

Isabel G. Couso - 09:00 29/03/2010
Na actualidade, Seaga só ten a seis persoas en nómina

Na actualidade, Seaga só ten a seis persoas en nómina

Catro anos despois da creación de Seaga polo goberno bipartito (Decreto 206/2006), a empresa pública chamada a xestionar os servizos agrarios e a extinción dos lumes forestais conta só con seis persoas contratadas. O resto do cadro de persoal que presta os servizos ben en materia forestal ben no eido agrícola e gandeiro teñen contratos temporais ou por obra e servizo.

Esta situación, que xa foi denunciada en reiteradas ocasións polo comité de empresa dende os mesmos inicios de Seaga como tal, está a empeorar dende que mudara o goberno con dous procedementos paralelos: dunha banda coa redución do persoal nos diferentes departamentos e, da outra, coa crecente externalización de moitos destes servizos.

600 traballadores menos
Nos últimos anos, nos meses de inverno, Seaga sumaba unha cifra que oscilaba entre os 400 e os 500 traballadores, que chegaban até os 2.500 na campaña de verán, un incremento que se explica polas propias campañas de extinción de incendios. Ademais dos brigadistas, os números repartíanse entre uns 70 veterinarios, 20 administrativos e 40 traballadores do Centro de Información do Agro Galego (CIAG). Segundo explica o secretario nacional da Federación de Servizos da CIG, Paulo Rubido, na actualidade quedan só 30 veterinarios, 10 administrativos e 15 na atención telefónica os gandeiros. No seu conxunto, explica Rubido, deixaron de contratarse unhas 600 persoas.

Os diferentes sindicatos mantiveron nos pasados meses diferentes mobilizacións, a última celebrada en Compostela incidía precisamente neste “desmantelamento” do carácter público de servizos como o do CIAG, denunciando a “precaria situación na que se atopa a empresa pública, que na actualidade só conta no seu cadro de persoal cuns 200 traballadores para realizar labores que o ano pasado, a estas alturas, desenvolvían preto de 1.200”.

Privatización de servizos
Ademais de recortar os servizos que até o de agora recibían os gandeiros, tamén se está a profundar nunha liña de externalización de moitos destes cometidos que antes correspondían á empresa pública. Alén do último procedemento aberto pola Xunta para privatizar parte da xestión dos plans de extinción de incendios, os traballadores denuncian operacións parellas en tarefas de prevención, limpeza, desbroce ou recollida de madeira.

Na práctica esta privatización ten unha triple repercusión. Primeiro, fai que a Xunta duplique os seus gastos, xa que contrata a empresas privadas para realizar traballos que anteriormente xa facía Seaga. Ademais de sufragar o gasto da nova contratación, normalmente vese na obriga de indemnizar os traballadores de Seaga dos que prescinde. De feito, até o de agora as sentenzas foron todas favorábeis aos sindicatos e obrigan ben a indemnizar aos despedidos, ben a readmitilos.

En segundo lugar, precariza aínda máis o traballo, que lonxe de profesionalizarse, cotízase máis baixo. A mostra é que actualmente peóns de limpeza e desbroce de monte, contratados polas empresas privadas, están a cobrar pouco máis de 600 euros, o salario mínimo interprofesional. E en terceiro lugar, esta externalización leva canda si máis dificultades operativas. Segundo explica Rubido, noutras campañas era posíbel desprazar traballadores que nun momento determinado se adicaban ao desbroce a labores de extinción de incendios se a situación de emerxencia o aconsellaba. Esta posibilidade queda totalmente pechada coa privatización destes traballos e, en consecuencia, a capacidade de resposta ante o lume forestal é menor.


Ligazóns

4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Até o de agora, os traballadores gañaron todas as sentenzas
Até o de agora, os traballadores gañaron todas as sentenzas
Os traballadores denuncian o desmantelamento do Centro de Información do Agro Galego (CIAG)
Os traballadores denuncian o desmantelamento do Centro de Información do Agro Galego (CIAG)
Os sindicatos denuncian outras externalizacións como en materia de prevención,  limpeza, desbroce ou recollida de madeira
Os sindicatos denuncian outras externalizacións como en materia de prevención, limpeza, desbroce ou recollida de madeira