Hai tres anos Feijoo dicía en Muxía que soñaba con volver como presidente e "cear rodaballo" da planta de Touriñán. O proxecto acuícola converteuse en paradigma das diferentes visións do territorio.
Reprodución da localización proxectada para a piscifactoría de Touriñán
A incerteza sobre o sentido do voto do grupo parlamentario do PSdeG na reforma da lei do solo que este martes chega á Cámara deulle oportunidade ao PPdeG para zoupar no que consideran é unha falta de consenso interno nos seus rivais políticos. Sobre a situación ironizaba o voceiro do PP, Antonio Rodríguez Miranda, pedindo que "a coral de portavoces socialistas" non diga "hoxe unha cousa e ao seguinte outra". Na opinión do PP é exemplo de que o PSOE galego "carece dun modelo urbanístico" e de que o seu líder "non lidera".
Ás coitelas populares respondía este luns á saída da executiva nacional do PSdeG o secretario xeral do partido, Manuel 'Pachi' Vázquez. "Non se pode anunciar unha lei e ao tempo dicir que se vai conculcar", retrucáballe ao PP o líder dos socialistas. Entende o xefe de filas do PSdeG que o seu partido expresou unha vontade "construtiva" sentando a negociar esta reforma da lei do solo (os socialistas achegaron 45 emendas das que o PP aceptou 33) e cren que o PP pretende agora faltar ás bases do pacto polo territorio acordadas entre os dous grupos. Por este motivo, anunciou que o seu grupo retíralle o apoio ao proxecto e absterase na votación deste martes. Unha abstención que só mudará se o presidente da Xunta se compromete no Parlamento a que non se van facer piscifactorías "nin no caso concreto de Touriñán nin non resto da Rede Natura".
Feijoo non renuncia a cear rodaballo de Touriñán
O PP fixo bandeira durante a pasada lexislatura, e tamén na propia campaña electoral, da promesa de levantar o veto á construción dunha piscifactoría no espazo protexido de Touriñán, no Concello de Muxía. Mentres para PSdeG e BNG, e desde o acceso á Xunta do bipartito, o freo a esa iniciativa empresarial convertíase en exemplo da vontade de cambio prometida pola coalición, para o PP era un exemplo da suposta obstaculización ao emprendemento e a priorización da xeración de emprego.
Ao longo do seu paso pola oposición, o PPdeG teimou unha e outra vez en criticar o veto á planta acuícola muxiá e mesmo de mitin en Muxía á porta das municipais de 2007, o daquela líder opositor Alberto Núñez Feijoo insistía en defender o proxecto de Pescanova como clave para o desenvolvemento económico da zona. "Gustaríame que hoxe estivésemos reunidos no parador e que despois cenásemos rodaballo de Touriñán", comentaba Feijoo, en referencia tamén á incumprida promesa de parador turístico para o municipio. O burato legal deseñado polo goberno portugués á medida da empresa para construír en Mira un proxecto similar, era usado como argumento polo PP para xustificar a presunta validez da planta muxiá.
O verdadeiro problema é moito máis amplo que Touriñán
"Se o queren facer vano facer", agoira Fins Eirexas, secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). Recorda Eirexas o propio caso portugués, onde o goberno socialista burlou a lexislación europea e teme que en Touriñán suceda o mesmo. Recorda o voceiro de Adega que na memoria están os propios estudos de avaliación ambiental realizados polo anterior goberno do PP, "exemplo de declaracións amañadas e feitas a medida dunha administración cómplice con cousas infumábeis", critica.
Desde Adega recordan ademais que a lea ao respecto de Touriñán é apenas a punta do iceberg da realidade do problema da ordenación do territorio. A denuncia do colectivo abrangue de feito ao conxunto da reforma acordada, advertindo de que se lle vai dar maior cobertura a ilegalidades urbanísticas, "bendicindo escandalosas aberracións como as urbanizacións de Barreiros", reducindo ao mínimo o control da Xunta e delegando nos concellos. "Converten a Rede Natura en solo barato ao servizo dos intereses privados", láianse.
Da mesma opinión son desde o colectivo Verdegaia, cualificando de "falsa polémica" o conflito de PP e PSOE sobre Touriñán. "Non é máis que unha manobra para agochar a pretensión de facilitar a regularización de construcións ilegais anteriores a 2003", interpretan desde esta asociación ecoloxista. Para Verdegaia as modificacións en curso non solucionan o problema de base: as leis xa vixentes ou non se aplican ou se fai "de xeito torticeiro". "As empresas pagan estudos de impacto ambiental que poderían ser redactados por un estudante de secundaria coa aquiescencia da administración", quéixanse. Ao fío, desde Adega, Fins Eirexas fala da chamada "doutrina Macías", en referencia ao asinante das declaracións ambientais "a medida" favorábeis a, entre outros, o proxecto de Touriñán. Un estudo que contrapón co informe "Hábitats Touriñán", elaborado por Xabier Amigo, profesor de botánica da USC, que indica con claridade a grave afección a un ecosistema de conservación prioritaria.
Paradigma da presión en contra do desenvolvemento sustentábel
Paradoxalmente, o empresariado acuícola contaba até o de agora non só coa beizón da UE, que o consideraba sector estratéxico, senón co financiamento público para o 50% dos proxectos. Así o gozou Pescanova nos últimos anos: mentres turraba co Goberno queixándose do veto á planta de Touriñán, negociaba coa propia Xunta as alternativas a esa piscifactoría e de paso rabuñaba gorentosas axudas públicas. Mentres sectores económicos e políticos seguían insistindo en queixarse da presunta "fuxida" do capital ao exterior por suposto "maltrato" en Galiza, a empresa aceptaba a proposta dos técnicos da Xunta para levar a iniciativa á costa luguesa e duplicar a produción prevista.
A rifa política e os posicionamentos desde diversos sectores sociais e económicos sobre o proxecto acuícola para Touriñán exemplifica deste xeito a diferente concepción de desenvolvemento sustentábel que se manexa no país. Na actualidade, Pescanova ten a propiedade dos terreos, conta coa anuencia da Xunta actual e co exemplo do caso portugués onde a complicidade da administración lle axudou a burlar a protección do espazo protexido de Mira. Xa que logo, no momento actual, o cambio de criterio na concesión de axudas da Unión Europea para o sector sería un dos motivos polos cales aínda non se aproveitase o novo escenario político para forzar a construción da piscifactoría no Concello de Muxía.
Aparentemente, xa non se trata de que queiran arramplar cun espazo protexido, senón de saber que, no momento que así o decida, quen queira poderá facelo. En Touriñán ou noutro sitio.