Como resposta á alta sinistralidade desta vía, o conselleiro de Infraestruturas pide precaución aos condutores e anuncia a colocación de máis sinais.
Catro anos despois da súa construción, o corredor do Morrazo converteuse xa nunha das vías cunha maior perigosidade do país. Así o demostran as cifras de accidentes rexistradas e, tristemente, tamén as de mortes. No que levamos de ano, xa faleceron en diferentes sinistros cinco persoas.
Esta vía, que soporta uns 20 mil vehículos diarios, tivo un custe de 70 millóns de euros e une a Ponte de Rande (Vigo) con Aldán (Cangas) nun trazado de 21 quilómetros. Malia considerarse unha estrada fundamental para a comunicación da Comarca do Morrazo e facilitar o seu acceso a Vigo, dende a súa posta en funcionamento foron denunciadas numerosas carencias por veciños e oposición política.
A estrada, pola que se pode transitar a 100 quilómetros por hora (aínda que a recomendación é de 90), carece de mediana que separe os carrís de ambas os dous sentidos e tampouco ten habilitados moitos espazos para os adiantamentos. Outras voces falan de falta de iluminación e falta de protección fronte ao forte vento que se deixa sentir nos días de temporal. Todo isto, engadido ao constante exceso de velocidade por parte de moitos condutores fan da estrada en moitas ocasións unha trampa mortal.
Con Feijoo como conselleiro
Ante esta alta sinistralidade, a Xunta optou por instalar uns 14 carteis nos que se advirte de que se trata dunha vía de dobre carril e se recomenda non superar os 90 quilómetros por hora. Pola súa parte, os deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Teresa Táboas cualificaron a taxa de accidentes de “inaceptábel” e achácana “ás deficiencias estruturais da estrada, que afectan á seguridade viaria”.
Na mesma liña se manifestaron nos pasados días os alcaldes do Morrazo, na súa meirande parte do BNG. Os rexedores de Cangas, Moaña e Bueu, os nacionalistas Clara Millán, Xosé Manuel Millán e Félix Juncal, criticaron o estado do corredor e lamentaron a falta de resposta PPdeG ante os últimos accidentes. Entenden que Feijoo garda agora silencio porque el era o responsábel de Política Territorial cando se deseñou a infraestrutura.
Resposta de Agustín Hernández
O conselleiro pediu este xoves “máxima precaución” aos seus usuarios despois dos últimos accidentes rexistrados. Informou de que o seu departamento está colocando sinalización especial para concienciar os condutores e pediu responsabilidade. Con todo, informou que a Xunta “está en disposición de poñer en servizo a reforma do vial en 2013”, adiantándose dous anos á estimación inicial de rematar a ampliación da estrada en 2015.