PP e Bloque reafirman o acordo a prol da fusión das caixas. Os socialistas apoian o acordo pola revitalización demográfica, non asinado polo BNG por "inconcreto".
O presidente da Xunta prometeu á Cámara levar medidas concretas cara ao pacto pola revitalización demográfica
A necesidade de actuacións de urxencia diante da actual conxuntura de crise económica era un dos desafíos clave co que os grupos parlamentarios chegaban á cita con este Debate do Estado da Nación. E finalmente foi tamén o ámbito de onde abrollaron os principais puntos de encontro entre as tres formacións políticas. Do Parlamento debera saír, atendendo ao consenso de PpdeG, PsdeG e BNG, un gran acordo definido en colaboración cos axentes sociais que impulse un programa de actuación política centrado no estímulo da economía e o emprego.
No marco dese acordo, un dos puntos destacados do pacto entre os grupos é a definición, nun prazo dun mes, dun plan de impulso para a licitación de obra pública. De saír adiante nos términos debatidos, será unha inxección ao sector de cando menos 1.300 millóns de euros. O consenso tamén foi posíbel á hora de instar a Xunta a aprobar antes de que finalice este 2010 a lei da axencia tributaria de Galiza. E tamén neste ámbito, quedou na mesa o compromiso a prol dun plan específico de loita contra a fraude fiscal. Outro espazo de encontro foi a vontade de negociación co goberno español dun cambio dos criterios para a distribución do Fondo de Compensación Interterritorial. Unha arela clave no agoiro do progresivo peche da billa de fondos da Unión Europea.
En números, houbo en concreto unanimidade nunha iniciativa do PSdeG, en dúas propostas do PP en 18 do BNG. Ademais, BNG e PP coincidiron en exclusiva en cinco puntos e PSOE e PP noutros cinco. Até 17 achegas concretas foron transaccionadas entre os tres grupos parlamentarios (Lembremos que o PP presentaba 85 propostas de resolución, o PSOE 29 e o BNG 325).
Sen consenso para caixas, lingua e demografía
O debate serviu tamén para reafirmar as posicións coas que os tres grupos chegaban ao respecto do futuro das caixas de aforro. PP e BNG coincidiron e votar a prol de resolucións que recuperaban para o primeiro plano as decisións anteriores da Cámara en favor da solvencia e galeguidade das entidades financeiras e do impulso da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Un espazo de consenso do que, unha vez máis, se desmarcou o PsdeG.
Por outro lado, o chamado Pacto pola Revitalización Demográfica, atrancou na tarde deste mércores no Parlamento e finalizou co acordo exclusivo de PP e PSOE. Na defensa do seu voto negativo, os nacionalistas referíronse á falta de medidas concretas e ao convencemento de que se baseaba nunha concepción que outorga un papel secundario ás mulleres. Con todo, o presidente da Xunta insistiu en salientar esta iniciativa como unha das propostas 'estrela' do debate e prometeu definir un borrador concreto en canto finalicen os estudos en curso que neste ámbito ten encargados o Goberno.
Finalmente, no debate ao respecto da lingua reiteráronse as posicións estabelecidas nas últimas semanas ao fío do combate pola presentación do anteproxecto sobre o decreto da lingua no ensino. O PP aprobou neste caso en solitario a súa proposta neste eido e rexeitou os convites da oposión a volver ao rego do consenso e a comprometerse no impulso do plan de normalización lingüística unha vez que o decreto fose retirado.