Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Destaca o tratamento do inglés

O conselleiro di que o anteproxecto recolle as achegas dos colectivos consultados

"Desde o primeiro momento escoitamos á sociedade e procuramos o consenso", teima o responsábel de Educación nos micrófonos da Radio Galega.

Redacción - 10:30 15/03/2010

Malia o trebón de reproches xurdidos desde diferentes colectivos sociais ao respecto do anteproxecto do decreto sobre linguas no ensino, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, teimaba este luns durante unha entrevista na Radio Galega en que o documento "recolle suxestións daqueles grupos e axentes implicados que as presentaron". "Desde o primeiro momento escoitamos á sociedade e procuramos o consenso", insistiu Vázquez Abad.

De paso, afirmou o conselleiro que o texto presentado o sábado responde á intención do Goberno de "escoitar a opinión das familias, que están moitas veces lonxe do sistema educativo, polo que entendemos que é importante que se integren e participen activamente". Ao fío, Vázquez explicou que o anteproxecto será analizado "punto por punto" na mesa sectorial e pasará despois polo Consello Escolar e polo Consello Consultivo, antes da súa aprobación, entrando en vigor no próximo curso 2010/2011.

Por outro lado, avaliou o responsábel de Educación que alén de "garantir o equilibrio total entre galego e castelán na escola" , o anteproxecto, bautizado "Decreto do Plurilingüismo", dedica un capítulo específico "ás linguas estranxeiras", cuxo coñecemento, engadiu, "é cada vez mais importante para a xuventude". "Temos que dar pasos cara adiante nun mundo global, no que a mobilidade, especialmente dos máis novos, é cada vez maior", afirmou, indicando que especialmente o inglés, é "unha demanda da sociedade, e algo ao que Galiza non pode renunciar".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: