Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Valoración negativa

A Coordinadora de Equipos de Normalización considera que o decreto discrimina linguas e materias

Amosa a súa preocupación polo feito de que lle poña límites ás horas en galego, fronte ao marcado pola Lei de Normalización Lingüística.

Redacción - 10:45 15/03/2010

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) valora negativamente o anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo por non desenvolver os preceptos da Lei de Normalización Lingüística, cousa que si facían os anteriores decretos.

A coordinadora considera que o novo texto ponlle límites á normalización do galego no ensino -fixando máximos horarios- e evita protexer a lingua do país, que está nunha situación de desequilibrio social respecto do castelán. Así mesmo, afirma que afonda nos prexuízos cara a unha lingua en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber, como o ámbito científico-tecnolóxico.

Entende, ademais, que o decreto non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais, ao estabelecer, por exemplo, na ESO, que se impartan en castelán tres materias con máis presenza horario cás fixadas en galego. Ademais, agrávase a discriminación da lingua polo feito de que non hai material didáctico no idioma do país para as materias restantes. No ensino infantil, a situación é de aínda máis desprotección para o galego, baseada na "falsa liberdade de elección das familias", que "provocará conflitos" e parte dunha "visión excluínte das linguas a través dunha votación na que haberá perdedores e gañadores".

O colectivo amosa tamén a súa preocupación polo feito de que a consellaría divida entre materias "importantes" e "de segunda", nun sistema de ensino obrigatorio en que todas as áreas teñen unha misión global. Fixando a lingua das materias "troncais", desprestixia socialmente as demais e o traballo "de miles de docentes".

A CGENDL critica que o decreto reduza o fomento do galego á vontade do profesorado, sen que o alumnado teña que expresarse nesa lingua, e a actividades extraescolares. Conclúe lamentando que se traslade a responsabilidade da toma de decisións ás familias e aos centros, provocando un "caos organizativo" e convertendo a comunidade educativa "nun foco de conflitos".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: