Nunha emenda á totalidade presentada no Congreso, o BNG avoga por unha Administración de Xustiza máis eficaz e non por endurecer as penas de xeito inxustificado.
Cárcere da Lama
A proposta de reforma do Código Penal presentada polo goberno español atopouse co rexeitamento do BNG, que presentou unha emenda á totalidade. Os nacionalistas galegos no Congreso consideran que a modificación só responde á presión mediática, non se expuxo de xeito sosegado e endurece as penas de xeito inxustificado.
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, recoñeceu que "é necesario acometer reformas" no texto, como as "derivadas de compromisos internacionais" ou "as referidas ao cómputo da prescrición delictiva". Porén, o proxecto de reforma do Código Penal presentado polo executivo español "cuestiona abertamente" o artigo da Constitución que estabelece "a reinserción do penado como obxectivo da pena".
Ademais, Jorquera advertiu de que a reforma "non se tratou con sosego e coa necesaria reflexión", senón "aproveitando as presións mediáticas" que conforman "unha opinión pública errónea arredor da criminalidade". Neste senso, lembrou que o Estado Español "ten o dubidoso honor de ter unha das porcentaxes de presos máis altas de Europa", malia ter unha taxa de criminalidade "moi lonxe da media europea".
Ao seu xuízo, "o problema" é "a ineficacia da Administración de Xustiza" que provoca "un incumprimento de sentenzas". "Esa é a cuestión", asegurou Jorquera, "e non a supresión de supostos beneficios penitenciarios aos delincuentes ou o endurecemento da penas, porque calquera solución que se propoña é absurda se o sistema xudicial non é capaz de aplicala".
Así, Francisco Jorquera avogou por unha reforma do Código Penal "baseada na satisfacción das vítimas mediante unha xustiza restaurativa, a mellora da eficacia real" da Xustiza, "a creación dunha cultura de dereito penal mínimo, a apostas polo fin reeducativo e reinsertador das penas", a creación de "elementos de xustiza social para a prevención de delitos e pola humanización da vida no cárcere".