"A prepotencia do goberno español chegou ao límite", avalía o voceiro nacional do Bloque. Os nacionalistas esixen recurso ao FROB e chaman á mobilización social.
"Fronte ao recurso político do Goberno do Estado, Galiza ten que dar unha resposta política, pero tamén social". Subliñouno este xoves o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, chamando ás formacións políticas e sindicais que impulsaron o manifesto Galiza Ten Dereito a iniciaren mobilizacións conxuntas. "Imos continuar por ese vieiro, o da mobilización social, coas distintas formas en que esta se pode expresar, desde a sinatura masiva do Manifesto até mesmo a mobilización na rúa", insistiu Guillerme Vázquez.
As declaracións de Vázquez chegan ao coñecerse a carta enviada á Xunta polo secretario de Estado de Cooperación Territorial do goberno español, Gaspar Zarrías. Unha misiva que, segundo valora o Bloque, revela "a prepotencia coa que o Estado está a despachar o simulacro de negociación sobre a Lei de Caixas". Para os nacionalistas, diante desta situación o presidente da Xunta está amosando "falta de reacción", motivo polo cal lle reclaman un "cambio de táctica". "Feijoo ten que reaccionar de vez e dar por concluídas as negociacións, comparecer ante o Parlamento, apresentar o recurso de inconstitucionalidade contra o FROB e demandar unha entrevista con Zapatero, non para continuar negociando, senón para exixirlle que saque a Lei de Caixas do Tribunal Constitucional", indicou o voceiro nacional do BNG.
Para o Bloque, a afirmación que fai Zarrías nesta carta expoñendo que o foro para defender a constitucionalidade da Lei de Caixas non é a negociación, senón o Tribunal Constitucional "é unha proba evidente de que non se quere chegar a ningún acordo". "Está claro que estamos ante unha decisión política, a dun goberno español que utiliza todo tipo de tretas para que a lei se empantane e a fusión non sexa factíbel", denuncia Vázquez.