Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESQUERDA SOBERANISTA

Causa Galiza reivindicará a autodeterminación todo o ano

Alén das datas do Día da Patria e da Constitución Española, a plataforma impulsará unha campaña continuada con maior presenza nas comarcas.

Redacción - 10:30 07/03/2010
Motivo patriótico de 1931 / Imaxe: Causa Galiza

Motivo patriótico de 1931 / Imaxe: Causa Galiza

Logo de tres anos de vida, Causa Galiza, a plataforma que reúne a esquerda soberanista galega, acordou darlle máis forza organizativa ás súas actividades. Foi no marco do último Plenario Nacional, no que se decidiu, dunha banda iniciar unha expansión comarcal alén dos sete grandes núcleos urbanos, e da outra botar a andar un proxecto máis ambicioso economicamente.

Salto adiante na implantación a nivel nacional
Dende agora até a celebración do Día da Patria, o 25 de xullo, Causa Galiza márcase como obxectivo “unha mellor organización que nos permita dispor de maior eficacia e operatividade”. Segundo explica Charo Lopes, este reto pasa por unha expansión comarcal da iniciativa autodeterminista. “Hai xente soberanista en todas as comarcas, o que pretendemos agora é organizala”, explica ao tempo que adianta a intención de consolidar a presenza de Causa Galiza nas comarcas como Condado, Barbanza, Limia, Ribeiro ou Muros-Noia.

Deste xeito, a plataforma botará man das redes asociativas, centros sociais ou grupos ambientalistas para facer máis visíbel e socializar o dereito de autodeterminación. Tamén queren transmitir que Causa Galiza “está aberta e receptiva a contactar e traballar con aqueles independentistas e soberanistas de todo o País que, por descoñecemento ou por carencia de contactos, aínda non participan nesta dinámica sociopolítica”. Asemade, a idea é vencellar a cuestión soberanista como tema transversal que “atinxe a outras problemáticas, como os problemas que afectan á clase traballadora, cuestións de xénero, etc”.

Solidariedade económica
No seu proxecto de se espallar por toda a sociedade galega, precisan dun sustento económico. “A ilusión e a contribución desinteresada de ducias de persoas fixo que puidésemos desenvolver as nosas actividades”, recorda. “Somos unha organización autoxestionaria” e, ademais de concertos, sorteos, festas e outros actos recadatorios, o obxectivo agora é que cada quen participe cunha cota mensual no financiamento das actividades. Así, no último plenario aprobouse como obxectivo alcanzar o ingreso mensual fixo de dous mil euros a través de vía bancaria.

Próximas actividades e Mártires de Carral
Causa Galiza levará a reivindicación da autodeterminación ás principais comarcas do país e ao carón das principais loitas populares. Así, organizarán palestras, editando diverso material impreso e audiovisual, contactando con diversas organizacións sindicais galegas, movementos en defensa do idioma ou centros sociais e reforzando o traballo de comunicación. Asemade, están a preparar un libro que recolle as bases da súa loita.

Finalmente, o próximo 26 de abril conmemorarán unha nova data a sumar ás xa tradicionais xornadas reivindicativas do Día da Patria e do 6 de decembro (Constitución Española): Os Mártires de Carral. O sábado anterior, celebrarase un acto político en Carral, unha vez máis, en defensa dunha opción soberanista para Galiza.


Ligazóns

5/5 (21 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: