O goberno de Angela Merkel considera que as plantacións da variedade MON 810 son perigosas para o medio ambiente.
Monsanto ten permiso para cultivar transxénicos en Arzúa, Ribeira, Mesía, Vilalba e Chantada.
Alemaña acaba de converterse no sexto país da Unión Europea libre de organismos modificados xeneticamente. O seu goberno decidiu prohibir o cultivo de millo transxénico MON 810, o único autorizado en toda a Unión Europea e a variedade que se sementa en Galiza. Segundo asegurou a ministra de agricultura, Ilse Aigner, existen "probas suficientes" de que estas colleitas "implican un deterioro no medio ambiente", que afecta especialmente ao ecosistema de bolboretas, xoaniñas e todo tipo de organismos mariños.
Este millo, comercializado polo grupo Monsanto, está autorizado na Unión Europea dende 1998, e en 2008 ocupou preto de 3.600 hectáreas dos cultivos alemáns, na súa meirande parte na zona oriental do país. Precisamente o Estado de Baviera, así como os grupos parlamentarios dos Verdes e da esquerda estaban premendo ao goberno dende hai tempo para que decretase a prohibición total dos transxénicos. De aí, que nos últimos meses, o ministerio desenvolvese numerosos estudos para avaliar as consecuencias destes cultivos na natureza. Os informes confirmaron que o cultivo deste millo supón un prexuízo para o medio e, aínda máis, que dana o sistema inmunolóxico dos ratos.
Ademais destas decisións sobre o MON 810, durante os vindeiros meses o Consello de Ministros da UE deberá decidir sobre os tipos de millo transxénico Bt11 e 1507. Até o de agora, o bloque europeo aínda non conseguiu unha maioría cualificada nin a favor nin en contra destas dúas variedades. A decisión de Alemaña súmase á de Francia, Austria, Grecia, Luxemburgo e Hungría. Mentres, Italia e Polonia manteñen sendas moratorias sobre estes cultivos.
Manifestación en Zaragoza
Precisamente esta semana é a escollida para unha serie de actos reivindicativos en contra dos transxénicos en todo o Estado Español. O vindeiro sábado 18 de abril, as rúas de Zaragoza acollerán unha manifestación para defender o dereito a producir e consumir alimentos 100% libres de organismos modificados xeneticamente. Dende Galiza, a Plataforma Galega Antitransxénicos porá autobuses de balde, que sairán o día anterior dende Santiago de Compostela.