A deputada socialista considera que a Xunta pon recursos públicos ao servizo da empresa para forzar o proxecto acuícola de Touriñán.
Reprodución virtual do proxecto acuícola de Touriñán
"Nunca tan poucos fixeron tanto dano en tan pouco tempo", denuncia a voceira en materia de Pesca do PsdeG, Marisol Soneira, analizando o último ano de goberno do PP e as "consecuencias" no que lle toca á política acuícola, que cualifica Soneira de "catastróficas". "Parálise absoluta, investimento cero e modificación das regras para castigar o propietario dos terreos e beneficiar e pagar favores políticos aos especuladores e amigos, e atentado contra o medio ambiente natural", resume a deputada socialista.
As acusacións de Soneira chegan agora en concreto ao fío das novas afirmacións desde a Xunta ao respecto da planta de Pescanova, insistindo en que tal proxecto "tiña todos os permisos". Para a voceira do PsdeG, tal posición "só busca xustificar a decisión que xa ten tomada ante o recurso presentado pola empresa pola suposta vulneración dos seus dereitos". Unha postura coa que, denuncia, o Goberno "renuncia a defender os intereses dos galegos por beneficiar a esta empresa". Marisol Soneira define así de "obsesión" o que entende que é unha estratexia da Xunta de buscar "continuamente escusas" para facilitar o macroproxecto de Touriñán. Ao respecto, a deputada socialista recordou a recente modificación do Plan Galego de Acuicultura "co fin de poder expropiar terreos de particulares en beneficio da mesma empresa, en Xove".
A empresa non lle ve agora viabilidade ao proxecto de Touriñán
Paradoxalmente, desde a empresa, o seu presidente, Manuel Fernández de Sousa, aseguraba esta fin de semana que "mentres non cambie a situación e as expectativas de negocio concreto de cría de rodaballo en Touriñán" o investimento "non é atractivo".
A reflexión de Fernández de Sousa apuntaba en concreto aos actuais fondos europeos, laiándose das cancelas ás grandes empresas e os "grandes proxectos" acuícolas. Así e todo, a suposta renuncia ao proxecto de Touriñán non impide que Pescanova manteña o recursos, admitiu o presidente da empresa, co obxectivo de tratar de conseguir unha indemnización polo freo do bipartito ao proxecto.
Doutra banda, no avance de resultados, Sousa deu conta do aumento do 9,7% de vendas do grupo empresarial en 2009, cun volume de 1.473 millóns de euros. Pescanova ten a nivel estatal o 53% das vendas, un 25% no resto da UE e un 12% nos EUA. No conxunto do Estado, posúe o 23,4% da cota de mercado no sector, e en Portugal chega ao 15%.