Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe de UXT e CCOO

Ser muller significa traballar un cuarto de xornada de balde

A desigualdade entre os salarios femininos e masculinos diminuíu en Galiza do 27,3% de 2002 ao 25,5% de 2008.

Redacción - 19:00 22/02/2010

As mulleres galegas cobran un 25,5% menos cós homes polo mesmo traballo, segundo un informe presentado por UXT e CCOO. Aínda así, a diferenza salarial é inferior á do Estado Español, onde as mulleres cobran un 27,7% menos cós seus homólogos masculinos.

O diferencial salarial diminuíu con respecto ao dato de 2002 (do 27,3%), aínda que os dous sindicatos estimaron que volveu aumentar dende as últimas estatísticas, correspondentes a 2008, por mor da crise económica.

Segundo explicou a secretaria da Muller de CCOO, Mabel Pérez, extrapolando a evolución rexistrada entre 2002 e 2008 en Galiza terían que pasar 80 anos para que se corrixisen "pola vía da inercia" as diferenzas salariais entre os dous sexos. Tamén apuntou que as mulleres teñen que traballar 53 días máis cós homes para conseguir o mesmo soldo. Na Unión Europea, o diferencial é do 17,6%, con límites no 4% de Italia e o 30% de Estonia.

A secretaria de Servizos Sociais e Igualdade da UXT, Carmen Brea, salientou que a fenda salarial no país tradúcese en que as mulleres teñen unhas prestacións por desemprego, enfermidade, invalidez e xubilación menores, polo que "corren o risco de seren máis pobres cando rematen a súa vida laboral".

Pola súa banda, Mabel Pérez lamentou que non se perciba como unha "ilegalidade" que unha muller traballe a cuarta parte da súa xornada "gratis" e resaltou que esas diferenzas acentuáronse nos últimos 50 anos, dende a sinatura do Tratado de Roma.

Aínda que Galiza é a quinta comunidade autónoma coa menor fenda salarial, os dous sindicatos cualificaron a situación de "problema serio" e reclamáronlles ás administracións un reforzo da Inspección de Traballo, así como a revisión da negociación colectiva, para evitar crear "dúas clases sociais dentro dos traballadores". Ademais, o incremento salarial baseado no IPC provoca que esa fenda "se vaia agrandando".

Segundo o informe, a diferenza salarial é meirande en Pontevedra, co 27,29%, fronte ao 26,27% da Coruña, o 20,51% de Lugo e o 20,06% de Ourense. Por idades, a maior desigualdade dáse entre os colectivos de 18 a 25 anos (29%) e, principalmente, entre maiores de 65 (53%).


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: