Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP admitiría revisar o sistema

Miranda acepta agora devolver dietas por quilometraxe

O deputado e portavoz do PPdeG insiste en que só viaxou en coches diferentes ao seu "un 15% das ocasións", pero di que devolverá o 100% dos ingresos.

Redacción - 10:30 21/02/2010

Hai poucos días que aínda insistía en que tiña "a conciencia tranquila" e afirmaba que devolvería o diñeiro percibido en calidade de deputado en concepto de dietas por desprazamento só no caso de que así o decidise o Parlamento. "Se iso é o que se expón, cumprireino de modo exacto e preciso", dicía.

Mais a dimensión da polémica e a presión do seu partido determinou que, finalmente, o portavoz do PpdeG, Antonio Rodríguez Miranda, prometa que devolverá os cartos que ingresou por desprazamentos laborais que en realidade non realizou no seu vehículo persoal, senón no coche oficial do seu compañeiro Xosé Manuel Baltar, rival político declarado desde a recente liorta polo poder no PP ourensán. Así e todo, insiste Rodríguez Miranda en que non viaxou en vehículos diferentes ao seu "en máis que un 15% das ocasións". Nese sentido, afirma que é " en aras da transparencia, rigor e honestidade" que devolverá "o 100% do importe recibido en concepto de quilometraxe por asistencia a plenos".

A decisión de Miranda chega despois de que o grupo parlamentario do PpdeG acordase remitirlle un escrito á presidencia do Parlamento onde se pon a disposición dos servizos xurídicos da Cámara para a investigación de todo o relacionado con este e outros posíbeis casos. "Os deputados e deputadas do Grupo Popular son os máximos interesados en que as normas que regulan as retribucións do seu traballo sexan o máis claras e transparentes posíbeis, co fin de evitar calquera dúbida ou interpretación errónea das mesmas", indican nunha carta asinada polo voceiro do grupo, Manuel Ruíz Rivas. Do mesmo xeito, ofrécense a estudar as "posíbeis melloras que se puideran introducir" nas normas que establecen o sistema de indemnizacións por desprazamento dos deputados do Parlamento, aprobadas pola Mesa da Cámara en 2006.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: