Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A CIG denuncia ameazas da subdirectora de Contidos

Na Radio Galega, "a partir de agora vanse cagar"

A coordinadora da sección sindical pedira a posta en marcha dos Consellos de Redacción para evitar a "manipulación  informativa, como na folga contra o decreto".

Redacción - 12:45 18/02/2010
Acto de presentación do novo equipo da Radio Galega

Acto de presentación do novo equipo da Radio Galega

A CIG denunciou as ameazas vertidas pola subdirectora de Contidos da Radio Galega, Rosa Sierra, ás persoas traballadoras do servizo de informativos, segundo tamén informa este xoves o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

A Coordinadora da sección sindical da CIG afirma que a dirección da radio pública está a manipular a información en xeral e, en particular, a referida ás mobilizacións contra o Decreto do Plurilingüismo, e demandou a posta en marcha dos Consellos de Redacción para frear esta situación.

A CIG lamentou as ameazas que Sierra lle lanzou a toda a redacción, en voz alta, nun intento de "meterlles medo aos traballadores que ousen falar de vetos". Textualmente, a subdirectora dixo: "A partir de ahora voy a vetar de verdad", nun ton "exaltado e ameazador", o que colide cun modelo de empresa cunhas relacións laborais ordenadas e razoábeis. Segundo denuncia o sindicato, ao día seguinte, Rosa Sierra repetiu a advertencia: "Hasta ahora fui una señora. A partir de ahora se van a cagar", nunha conversa cun traballador en ton audíbel para o resto da redacción.

Para o sindicato, esas afirmacións son máis ca exabruptos, pois representan "un intento de asustar os traballadores" e mais "un ataque á independencia profesional dos xornalistas, incompatíbel coa propia existencia dun medio público". Estes episodios complétanse, segundo a CIG, co tratamento informativo que tivo todo o referido ao decreto, que demostrou que a Radio Galega "está só para servir os intereses da Xunta".

Nese senso, detectou "entrevistas a eito a prol do decreto, con preguntas do entrevistador cargadas de opinión, até intentos de impoñer convidados en determinados programas, pasando por ordes para abrir as informacións con determinadas frases", até o punto de facer "contra-información preventiva". Segundo a CIG, na véspera da protesta, o redactor xefe xa tiña escrito un texto con cortes de voz de persoas opostas á xornada de folga no ensino.

Esa data coincidiu, ademais, coa obriga para as persoas traballadoras de programas e das delegacións de escribir no sistema aberto, o que aumenta o control sobre os seus textos. A CIG achou "particularmente rechamante" que a subdirectora e mais o redactor xefe fosen até hai pouco presidenta do Comité de Empresa e Delegado Sindical, polo que pediu a posta en marcha dos Consellos de Redacción, que os actuais directivos da CRTVG defenderon reiteradamente.


4,97/5 (31 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: