Logo do nomeamento de Afonso Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG, por vez primeira dúas mulleres estarán á fronte de tv e radio públicas.
Os medios de comunicación públicos de Galiza estarán dirixidos por primeira vez na súa historia por dúas mulleres, co nomeamento de Rosa Vilas como directora da TVG e de Rosa Martínez como directora da Radio Galega, segundo informaron a Europa Press fontes do ente.
Ademais dos nomeamentos destas dúas mulleres, de longa traxectoria profesional vinculadas aos medios de comunicación públicos de Galiza, o até o de agora subdirector xeral de Contratación e Xestión Orzamentaria da Secretaría Xeral de Comunicación, Miguel Rodríguez Barrio, pasará a facerse cargo da dirección económica e financeira da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).
Estes nomeamentos prodúcense despois de que o pasado venres o xornalista ourensán Afonso Sánchez Izquierdo tomase posesión como novo director xeral da CRTVG, unha proposta do Goberno da que se desmarcaron os grupos da oposición, PSdeG e BNG.