Di ter "a conciencia plenamente tranquila", e non ve motivos para que o PPdeG lle abra un expediente, aínda que "decidirá" o partido.
O portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou esta cuarta feira que devolverá o diñeiro que percibiu como deputado, en concepto de dietas, por desprazamentos laborais que non realizou no seu vehículo persoal se así o decide o Parlamento. "Se iso é o que se expón, cumprireino de modo exacto e preciso", sentenciou.
En conferencia de prensa previa á reunión do comité de dirección do PPdeG, o portavoz 'popular' garantiu que "asumirá e acatará" calquera decisión que se acorde na Cámara en relación á polémica xerada polo suposto cobro irregular de dietas por parte dalgúns deputados.
O pasado luns, Rodríguez Miranda explicou que o Parlamento asigna "automaticamente" unha cantidade para sufragar os desprazamentos dos deputados e admitiu que, "circunstancialmente", se desprazou deica o Pazo do Hórreo no vehículo "dalgún compañeiro" porque non podía dispor do seu propio, aínda que lle restou importancia.
"É un feito anecdótico co que non se pode xeneralizar", recalcou esta cuarta feira, logo de que o PSdeG o acusase de cobrar durante a lexislatura pasada un complemento de 26 mil euros das arcas do Parlamento por viaxar desde Ourense a Compostela, a pesar de trasladarse -segundo a versión dos socialistas- en coche oficial xunto ao vicepresidente da Cámara, Xosé Manuel Baltar Blanco.
Apertura de expediente
Neste escenario, Antonio Rodríguez Miranda afirmou que ten "a conciencia plenamente tranquila" e negou percibir "as cantidades que manexan por aí algúns partidos", en alusión aos 26 mil euros.
Para rematar, preguntado por se teme represalias por parte do PPdeG, dixo "non ter consciencia" de incorrer "en ningún problema" que sexa causa da apertura dun expediente. "Pero serán os órganos do partido os que decidan", concluíu.
Anterior: