Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTRE VIANA DO CASTELO E PORTO

O rexeitamento ao pago da peaxe une a empresarios galegos e portugueses

As compañías do Alto Minho e as de Pontevedra sumarán esforzos para evitar trabas económicas á circulación pola autoestrada A28.

Redacción - 13:00 11/02/2010

O común rexeitamento ao pago de peaxe na autoestrada unirá aos empresarios que outrora vivían de costas: galegos e portugueses defenderán conxuntamente a súa negativa a ter que pagar por circular entre Viana do Castelo e Porto, unha decisión que tiña tomada o goberno luso. Ambas organizacións empresariais aseguran que este cobro tería un grande impacto sobre a súa actividade e vaticinan a deslocalización de man de obra cualificada de Porto ou de Vigo.

Xuntanza en Viana
Tal e como reflicten os medios de comunicación portugueses, os dirixentes empresariais dun e doutro lado do Miño mantiveron esta semana unha xuntanza para acordar medidas de presión. Dunha banda a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC) e da outra a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) aseguraron que esta medida levaría canda sí moitos prexuízos para o tecido empresarial da zona.

Os representantes dos empresarios van facer chegar agora as súas demandas ao goberno portugués e estudan pedir unha aundiencia co ministro de Obras Públicas e dos Transportes, António Mendonça. "É unha cuestión que nos implica a todos", subliñaron Fernández Alvarió (CEP) e Luís Ceia (AEVC).

Empresas galegas en terreo portugués
Segundo os datos de 2008 do Insituto Nacional de Estatísca portugués e o Observatorio Tranfronteirizo do Transporte hai preto de 70 empresas do Estado Español (a maioría galegas) instalados nos parques empresariais do Norte de Portugal. Máis da metade contan con participación de capital portugués.

Na súa meirande parte están ligadas aos sectores do automóbil, da pesca e da construción. Segundo estes mesmos datos, que saíron á luz na xuntanza empresarial, preto do 82,5% das transaccións comerciais entre Galiza e Portugal fanse por autoestrada. Aínda máis, a fronteira Valença-Tui é responsábel do 26,2% do tráfico total de 30 millóns de toneladas de mercadorías que circulan entre os dous países.

Ademais, Luís Ceia subliñou que polo Aeroporto Sá Carneiro pasan 450 mil galegos por ano e que, en 2009, 220 mil galegos foron ás superficies comerciais do Norte de Portugal, sobre todo de Matosinhos e Vila do Conde.

Máis trabas nas conexións
 Ademais do pago pola autoestrada, os dirixentes empresariais tamén manifestaron a súa preocupación pola situación na que se encontran outras conexións circulatorias entre Galiza e Portugal. Así, tamén falaron do tren de alta velocidade entre Porto e Vigo ou do estado actual do ferry Santa Rita de Cássia, que fai a travesía do río Miño entre Caminha e A Guarda. Actualmente está en risco pola falta de acordo entre ambos gobernos sobre quen ten que asumir o mantemento do canal.

Así ven a noticia algúns xornais portugueses:


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: