Co precedente do bipartito na memoria, que se comprometera a resolver o asunto en seis meses, o PP asegura que consensuará unha lei da CRTVG antes da fin do mandato.
Sede da CRTVG en San Marcos
Coincidiran no seu momento as dúas forzas políticas que sostiveron o anterior goberno bipartito en situar como unha das súas prioridades a reforma dos medios de comunicación públicos e mesmo así o fixeron constar no pacto de Goberno. O propio presidente da Xunta daquela, o socialista Emilio Pérez Touriño, dérase un prazo de seis meses para acometer esa tarefa. Mais pasou a lexislatura e o contexto lexislativo non mudou nese sentido.
Enésima promesa de reforma
O debate apareceu este mércores outra vez no Parlamento, ao fío dunha interpelación ao Goberno do deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas. O conselleiro de Presidente, Afonso Rueda, admitiu que a Xunta non ten entre as súas prioridades inmediatas o impulso da reforma da norma que regula a Compañía da Radio e a Televisión de Galicia (CRTVG). Así e todo, asegurou que o executivo que lidera o presidente Alberto Núñez Feijoo si cavila acometer esa reforma antes de que remate a lexislatura. E por outro lado, Rueda cualificou de prioritario fronte a esa norma a introdución de regulamentos no ámbito da publicidade institucional. "Xa lle aviso de que a primeira lei impulsada, e creo que é a máis urxente, será a de Comunicación e Publicidade Institucional, que será presentada pola Xunta neste Parlamento antes de que remate a metade desta lexislatura", subliñou.
"É evidente que hai marxe para poder mellorar o actual marco normativo que rexe a CRTVG", expuxo Afonso Rueda, recordando que xa o bipartito incumprira a súa promesa de meterlle man ao asunto durante os últimos catro anos. Ao respecto, o conselleiro dixo que a Xunta buscará "a participación e o consenso dos distintos sectores implicados". Nese sentido falou Rueda de tres grandes eixos: "un verdadeiro cambio estrutural da compañía; perfeccionar os mecanismos de garantía da neutralidade e independencia no exercicio profesional dos medios públicos de comunicación; e garantir a viabilidade e suficiencia financeira dos medios públicos de comunicación galegos". Noutro sentido, asegurou que a prioridade nesta primeira metade de lexislatura será unha lei de Publicidade e Comunicación Institucional e unha nova Lei Audiovisual Galega. Sobre esta norma para o audiovisual comentou que é necesaria para adaptar o marco legal "aos novos requirimentos dun escenario en cambio permanente e tamén ao marco normativo do Estado que se está a tramitar".
O PSdeG denuncia que se oculta información da CRTVG
"Onde está o compromiso coa transparencia ? Quedou no baúl de los recuerdos ... de Karina .... non sí ? Ao mellor atópase o baúl no próximo Luar ... ". Ironizaba na Cámara Xosé Manuel Lage cualificando de "feito moi grave" a negativa do Goberno ao Parlamento de información relativa a contratos realizados pola CRTVG. "É a proba da dobre moral do Partido Popular, moito falar de transparencia, e agora atopámonos con que lle negan información ao Parlamento". "Un claro retroceso en termos democráticos", insistiu o voceiro da área Institucional no PSdeG .
O BNG propón consensuar xa a reforma
Na súa quenda, o deputado nacionalista e ex vicepresidente Anxo Quintana propuxo crear unha ponencia na Cámara que se poña xa ao traballo de redacción da nova lei da CRTVG. Para Quintana, só asumindo esa proposta demostraría a Xunta un verdadeiro compromiso a prol dun novo marco normativo. Agoirou o deputado do Bloque que o que pretende o PP é levar ao Parlamento un texto "xa feito" e para "adhesións inquebrantabeis". Para Quintana o desafío é un marco regulador "acorde co século XXI" e que garanta "a identidade e pluralismo do país".