O sindicato asegura que a Xunta contratou de xeito irregular 60 persoas vencelladas a unha compañía que ten de apoderado un ex-asesor de Cultura no goberno de Fraga.
A CIG-Autonómica denuncia o trato de favor recibido pola empresa Plexus
“Mentres o Goberno pregoa un embusteiro discurso de austeridade, está a externalizar moitos dos servizos que debería ofrecer a Xunta para beneficiar a empresas afíns”. Así o denuncia a CIG- Autonómica, da man do seu responsábel Manuel Gallardo Canitrot, quen engade: “estamos comprobando a existencia dunha inxente cantidade de contratos coa Administración pública que se asinan con diferentes empresas, mais co mesmo denominador común, que son compañías creadas por ex-altos cargos do Partido Popular”.
O clientelismo, práctica común
O sindicato nacionalista xa presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo na que alerta destas supostas irregularidades, que van dende servizos sociais até servizos tecnolóxicos ou de relacións públicas. Precisamente, o último destes contratos "a dedo" foi o asinado para cubrir postos de atención á dependencia.
Segundo denuncia a CIG, a empresa escollida para estes traballos volve ser Plexus S.L, unha compañía que ten de apoderado a Antonio Agrasar Cascallar, quen fora asesor de telecomunicacións da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) durante o goberno de Fraga. Ademais, a mesma empresa estivo dirixida por Xosé María Sánchez González, quen tamén exerceu como secretario xeral da Consellaría de Cultura de Pérez Varela e como director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem).
No concreto, Manuel Gallardo denuncia a "sorprendente aparición nas delegacións territoriais de Traballo dun continxente de aproximadamente 60 persoas que utilizan as dependencias e material da administración pública para traballar con expedientes da Lei de Dependencia, mecanizando datos e facendo cuantificacións". O sindicato constatou "que non se traba de funcionarios chamados das listas de substitucións, senón que son empregados da empresa Plexus, sen que mediara concurso público algún e sen que se publicara no DOG a contía ou os fins desta contratación".
A CIG recorda que para aplicar a Lei de Dependencia, desde a administración estatal e europea destináronse 70 millóns de euros que tiña que executar a Xunta de Galiza no ano 2009. "A comezos de 2010 atopáronse con que estaban incumprindo o contrato e no canto de tirar das listas de contratación optaron por Plexus S.L", denuncia Gallardo.
Ademais, estas contratación levan canda si un problema engadido: o da protección de datos. A CIG asegura que se ve "abocada a presentar outra denuncia" diante da Axencia de Protección de Datos (APD) porque este persoal manexa información confidencial e moi sensíbel: "mentres os funcionarios teñen que cumprir, pola Lei de Función Pública, cláusulas de confidencialidade, eles non sabemos se teñen nos seus contratos cláusulas semellantes".
Outras contratacións irregulares
Non é a primeira vez que o nome desta empresa se relaciona con contratos irregulares por parte da Xunta. Con este mesmo Goberno, Plexus S.L foi a adxudicataria do desenvolvemento e mantemento da web do Xacobeo, por un importe de 138 mil euros, mediante un acto administrativo ao que non foron convocadas as once empresas que foran admitidas ao procedemento aberto de contratación. Ademais, o propio portal de internet púxose en marcha, cando menos, 20 días antes da propia adxudicación.
Mais as irregularidades remóntanse ao anterior goberno popular. En 2007, o BNG denunciara varias anomalías nas concesións da controvertida Cidade da Cultura. Presentando un informe do Consello de Contas, os nacionalistas revelaron entón a adxudicación de 120 mil euros a Plexus sen concurso. O montante dos contratos, de carácter anual, permitiu contratar o servizo directamente.
Tamén saltou á prensa o nome desta empresa ao ser elixida por adxudicación directa para un traballo de relacións públicas do Porto Exterior da Coruña, por un valor de 764 mil euros en 2006. Do mesmo xeito, a CIG denuncia “innumerábeis contratos” coa TVG, ben a nome de Plexus, ben a nome doutra entidade, Brétema Consulting, tamén vencellada a Agrasar Cascallar.
A maiores, en 2004, a Consellaría de Innovación, Industria e Comercio adxudicou tamén aos mesmos empresarios a elaboración dun plan para a promoción e desenvolvemento da sociedade da información en Galiza. Brétema Consulting obtivo, asimesmo 83.520 euros no mesmo 2004 da Fundación Deporte Galego polo “asesoramento estratéxico na promoción, comunicación e novas tecnoloxías relacionadas coa Volvo Ocean Race”, celebrada en Vigo en 2006.