Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN PONTEVEDRA E VIGO

Outro paso adiante cara ao financiamento privado da sanidade

O Consello da Xunta anulará oficialmente a ampliación do hospital de Montecelo. Mentres, colectivos de Vigo chaman a manifestarse pola xestión pública.

Redacción - 19:10 09/02/2010

O novo hospital de Pontevedra situarase definitivamente en Monte Carrasco, na parroquia pontevedresa de Marcón. Así o anunciara xa o executivo e así o referendará este xoves no vindeiro Consello da Xunta, cando se derrogará o proxecto de incidencia supramunicipal aprobada polo anterior goberno bipartito para a ampliación do Hospital de Montecelo.

Hospital único en Monte Carrasco
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, anunciou nunha visita ao Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) que esta decisión deixará sen efectos a expropiación dos terreos que xa estaba en marcha para a ampliación de Montecelo porque “xa non é necesaria”. Así, argumentou que a infraestrutura sanitaria que estaba prevista non se vai a realizar por “falta de viabilidade do proxecto funcional”.

Farjas adiantou que será este mércores cando explicará no Parlamento o uso que lle dará a Xunta ao edificio de Montecelo, unha vez que xa entre en funcionamento o hospital único de Monte Carrasco. Daralle así resposta a unha petición socialista, que leva tempo reclamando que este tema se leve ao debate na Cámara.

A mudanza no proxecto continúa a xerar inquedanza na comarca. O propio alcalde de Pontevedra, Anxo Fernández Lores (BNG) xa adiantou que “non hai argumentos que xustifiquen a negativa a ampliar o hospital de Montecelo”. Segundo explicou en reiteradas comparecencias, “a Xunta non está invertindo cartos públicos en hospitais, mentres introduce o financiamento privado na construción e na súa xestión”.

En Vigo, manifestación
A sombra dos intereses privados tamén está presente en Vigo, onde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, sindicatos e traballadores da área sanitaria xa convocaron unha manifestación para reclamar que o novo hospital vigués teña un financiamento e unha xestión pública. A marcha será o vindeiro 25 de marzo, partirá da Vía Norte e é xa a segunda destas características, logo de que a celebrada o pasado 29 de outubro congregase a unhas 15 mil persoas.

Esta protesta demandará á Xunta que retire a súa intención de financiar con fondos privados o novo hospital de Vigo xa que, segundo estes colectivos, “será máis caro” e “ofrecerá peores servizos aos pacientes”, que ademais “verán reducido o número de camas”.


4,38/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O goberno bipartito botara a andar o proxecto de ampliación de Montecelo
O goberno bipartito botara a andar o proxecto de ampliación de Montecelo
Colectivos de Vigo convocan unha nova protesta para o próximo 25 de marzo
Colectivos de Vigo convocan unha nova protesta para o próximo 25 de marzo
Imaxe da última manifestación a prol da sanidade pública en Vigo
Imaxe da última manifestación a prol da sanidade pública en Vigo