Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SANIDADE

Novo hospital de Pontevedra: mestura de "xestión pública" e capital privado

A conselleira Pilar Farjas subliñou este martes que vai haber empresas privadas que financien a súa construción. O BNG ve posíbeis intereses ocultos.

Redacción - 19:38 12/11/2009

A pesar das fortes críticas dos que consideran que se pode sentar un grave precedente, o Goberno ten claro que as empresas privadas teñen que ter algún papel na sanidade pública. O primeiro “ensaio” vai ser co novo hospital de Pontevedra. A conselleira Pilar Farjas afirmou este xoves que a Xunta vai intentar a cadratura do círculo: Un hospital cunha xestión “absolutamente pública” pero que se construirá con participación de capital privado.

Dende o Sergas subliñaron que o novo Goberno descarta definitivamente a ampliación de Montecelo que estaba a valorar o bipartito. “Rexeitámola ao constatar que presentaba múltiples deficiencias, como un deseño ríxido sen posibilidades de mellora”.

O novo centro hospitalario está chamado a ser o referente sanitario para 27 concellos e 310 mil persoas. Contará con 723 camas e 20 quirófanos. O orzamento previsto para a súa construción e dotación de equipamentos é de 180 millóns de euros.

O BNG denuncia a posíbel existencia de intereses privados
O Consello da Xunta aprobou o plan funcional para o futuro hospital que foi realizado pola empresa Gesmedica. A presenza desta empresa privada na planificación do futuro centro sanitario espertou os recelos nas filas nacionalistas. Esta mesma semana, a deputada Ana Luísa Bouza afirmaba que “é moita casualidade que o plan funcional no novo hospital fose realizado pola empresa Gesmedica, que ten a súa sede no mesmo edificio que o Partido Popular”.

Por se o anterior fose simple casualidade, dende o Bloque denuncian que o anterior administrador de Gesmedica é directivo nestes momentos no grupo castelán 3A Recoletas, unha sociedade á que se lle acaba de conceder a xestión privada do Hospital Galego de Bos Aires e que, segundo o BNG, “ten vinculos co Partido Popular”. Ana Luisa Bouza alertou da posibilidade de que esta última empresa sexa finalmente a que constrúa o novo centro pontevedrés.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: