Se se repiten os pactos municipais, recuncarían os mesmos rexedores nos oito principais concellos do país.
O PPdeG seguiría fóra das alcaldías das cidades do país. Segundo unha sondaxe que publica este domingo La Voz de Galicia, malia que o partido subiría na meirande parte das cidades analizadas, os gobernos actuais manterían o poder en 2011.
Os datos da enquisa estiman que o PSdeG sería o partido máis votado na Coruña, Lugo e Ferrol, mentres que o PPdeG faría o propio en Vigo, Ourense, Compostela, Pontevedra e en Vilagarcía de Arousa. Porén, pactos entre socialistas e nacionalistas daríanlles as alcaldías ao PSdeG na meirande parte das cidades e ao BNG en Pontevedra. No caso de Ferrol, sería preciso un tripartito.
Por cidades, en Vigo os socialistas sumarían un escano a custa do BNG, o mesmo ca en Ourense e en Compostela, mentres que na Coruña repetiríanse os resultados de 2007. En Lugo, os populares sumarían un representante fronte aos nacionalistas, xusto o contrario ca en Pontevedra. En Ferrol, PPdeG e BNG gañarían os concelleiros perdidos polo PSdeG e por EU. En Vilagarcía, segundo a mesma estimación, populares e socialistas levarían cadanseu escano dos independentes e do BNG.