Presionado polo seu propio partido e abrumado pola repercusión mediática, o rexedor 'popular' réstalle importancia ao sucedido no pleno do luns.
O pasado luns, o PPdeG sufría un gol en propia porta. O alcalde de Vilariño de Conso, Ventura Sierra, votaba a prol dunha moción do BNG que pedía a retirada das bases do decreto e unha política de normalización lingüística no ensino non universitario. A reacción mediática foi inmediata. Os medios de todo o país recolleron unha nova que semellaba romper o tradicional monolitismo do PPdeG.
Afeito a gobernar sen demasiados sobresaltos un municipio de pouco máis de 700 habitantes, dous días despois do pleno o rexedor vese desbordado polos acontecementos. A primeira e case inmediata reprimenda chegoulle do voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, que atribuiu o sucedido en Vilariño de Conso a un simple “erro”.
Agora, Ventura Sierra opta polo silencio. Vieiros púxose en contacto con el este mesmo mércores. O alcalde, moi molesto, negouse a comentar o sucedido e culpou aos medios da polémica: “Eu creo que hai cousas máis importantes como o do soldado morto en Afganistán”, limitouse a dicir antes de dar por finalizada a conversa con este xornal.
Dende o BNG de Vilariño de Conso aseguran que o alcalde e os demais concelleiros “populares” sabían perfectamente o que votaban e descartaron calquera tipo de erro. Carlos Rodríguez, concelleiro da organización nacionalista, sostén que o rexedor quixo facer gala de que el defendía tanto o idioma propio como o que máis pero está seguro que nunca imaxinou a trascendencia daquel pleno.
Un socialista reconvertido en ariete do 'baltarismo'
Dende a chegada da democracia, o bastón de mando do consistorio tivo case un único dono. Ventura Sierra foi alcalde baixo o paraugas do PSdeG até que en 1995 foi seducido por Xosé Luís Baltar. Baixo as siglas do PPdeG permaneceu ao mando do Concello até que en 2007 perdeu a maioría absoluta. Durante máis de dous anos, o socialista Arcadio González ocupou o seu lugar. A sorpresa volveu saltar en xuño de 2009, logo de renunciar González ao seu cargo, Ventura Sierra volveu á Alcaldía grazas a que un concelleiro do BNG votou por un compañeiro en vez de facelo polo candidato socialista.