O voceiro nacional do BNG denuncia os atrancos que a indefinición normativa provoca no planeamento do concello gobernado polos nacionalistas.
"Coa cumprimentación da anterior orde do bipartito, diminuíuse a edificabilidade en máis de 2.000 vivendas, eliminouse un dos polígonos industriais, humanizouse e buscáronse equipamentos sociocomunitarios", explicaba este luns o alcalde de Teo, Martiño Noriega (BNG). "Fíxose un traballo digno e aceptábel dende o punto de vista técnico, acompañado da interlocución política e técnica, continuada no tempo", engadía Noriega. Canda el en conferencia de prensa, o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, reclamaba do Goberno unha vía de solución e diálogo diante do que considerou "unha política arbitraria da Xunta que pode paralizar o desenvolvemento urbanístico de Teo".
O rexedor nacionalista laiouse de que a Xunta teime no "bloqueo" da normativa urbanística do Concello de Teo e defendeu "o exercicio de responsabilidade" do seu equipo para cumprir a orde do bipartito cara a tentar humanizar un plan que evidentemente non era noso, "pero que era necesario tanto en cuestións básicas, como de equipamento e desenvolvemento socioeconómico do concello". De paso, acusou o Goberno de faltar á verdade e realizar "un cambio de posición que ninguén entende e que nós interpretamos como un trato de corte claramente partidista". Na súa opinión, a Xunta amosa que usa as institucións "como arma arreboladiza contra intereses comunitarios".
O goberno municipal teense presentará un recurso e esixe que, aínda no canto de que non se acepte a aprobación total se permita un plan parcial. Recordan desde o goberno local que a propia lei "é moi clara e concisa nese sentido no campo de xogo que marca a Xunta", indicando que dos 110 núcleos que ten o municipio as obxeccións da Consellaría de Territorio redúcense a 10 ou 11 e hai antecedentes noutros concellos nos que cunha situación semellante se fixo unha aprobación provisional.