O alcalde de Vigo insiste en censurar a posíbel alianza das dúas entidades.
O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, insistiu este mércores no seu rexeitamento á hipotética fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Para o rexedor vigués tampouco é argumento a auditoría de KPGM presentada pola Xunta xa que, na súa opinión, trátase dunha análise "desacreditada" porque o apoio á fusión do Goberno "xa era coñecido" antes de ser rematada a auditoría e "ninguén desmentiu" as conclusións publicadas pola prensa en decembro pasado.
Caballero tamén se queixou de que a Xunta difundise as conclusións antes de que se puidese presentar calquera alegación e referiuse ao informe como "unha peza máis da película" que, segundo dixo, "está a deseñar o Executivo". "Isto non cambia nada", teimou, prognosticando que a cidade "responderá" ás "agresións perennes" que aprecia por parte do Goberno. A este respecto, precisou que fará pública "de xeito inmediato" a "folla de ruta" que marcará os seus próximos pronunciamentos en contra da fusión. "Caixanova conta cun proxecto autónomo e sólido" que non supón "ningunha bancarización".