Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NACIONALISMO

O Movemento Galego ao Socialismo aposta por un BNG que lle dea cabida a “todas as sensibilidades internas”

O colectivo prepara un Encontro Nacional para o vindeiro 30 de xaneiro que sirva para reforzar a liña soberanista e de esquerdas do Bloque.

Redacción - 18:05 14/01/2010

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS), formado por militantes do BNG, anunciou este xoves en Compostela que está a preparar un Encontro Nacional de cara ao vindeiro 30 de xaneiro. A cita quere servir para “repensar” o papel do MGS dentro da organización nacionalista. Porén, nunha conferencia de prensa, algúns dirixentes da organización xa confirmaron que o obxectivo é “seguir reforzando a liña soberanista e inequivocamente de esquerdas dentro dun BNG plural e participativo, no que se preserve o seu carácter frontista e asembleario”.

Para este colectivo, o éxito futuro do Bloque dependerá en boa parte de “dar cabida a todas as sensibilidades internas, fronte á perigosa tendencia cara ao bipartidismo á que se encamiña na actualidade”. Outro eixo do debate é o da “necesidade de impulsar un maior achegamento do BNG aos movementos sociais, desde o recoñecemento e o respecto mutuo”. O MGS non descarta constituírse formalmente nun futuro como corrente interna do Bloque.

As orixes do Movemento Galego ao Socialismo remóntanse ao 2006. No verán dese ano, un importante grupo de militantes e dirixentes da UPG decidiu romper coa liña oficial e crear o Movemento pola Base. A finais de 2008 as diferenzas chegaron tamén a esta corrente. Mentres unha parte da militancia apostaba por abandonar o BNG, outra, que despois formaría o Movemento Galego ao Socialismo, decidiu proseguir no seo da fronte.

O MGS concentra a maior parte da súa forza dentro da CIG, onde forma parte da chamada “maioría sindical” que se nucleou arredor da candidatura de Suso Seixo. Na asemblea nacional extraordinaria que o BNG convocou en maio, este colectivo logrou sentar un dos seus membros (Rafa Villar) na Executiva, máximo órgano de dirección da fronte política.


3,82/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: