Desde as 86 mil hectáreas protexidas no marco lexislativo deseñado polo bipartito, a Xunta reduciu este venres a 46 mil as hectáreas preservadas.
Á saída do Consello da Xunta deste venres teimou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en que o borrador do Plan de Ordenación do Litoral ao que o seu equipo lle deu a beizón "ordena e racionaliza tres veces máis hectáreas" que as previstas polo goberno anterior.
No entanto, a realidade é que de 86.600 hectáreas que protexía a lei de medidas urxentes elaborada polo bipartito, en vigor até o pasado mes de maio e prorrogada polo actual executivo, a nova lexislación propón impedir a construción en apenas a metade desa superficie. É dicir, un total de 46 mil hectáreas de costa permanecerían protexidas baixo a nova lei.
Defendeu Núñez Feijoo que o Goberno se centra agora en 212 mil hectáreas rexidas por diferentes criterios para permitir ou non a edificación en función da súa proximidade ao mar e outras "singularidades". Singularidades que, ao dicir do presidente, quedan en función dun modelo de crecemento "racional e sostíebl" que ordena "os 2.500 quilómetros de litoral" de Galiza. "Ordenar é o contrario de prohibir, hai que estabelecer limitacións e criterios baseándose nas peculiaridades", afirmou Feijoo, que desde a oposición xa combatera con belixerancia a lexislación impulsada polo bipartito ao respecto da protección da costa.