Coincidindo co 60 cabodano da morte de Castelao ofrecémoslle un texto de Camilo Nogueira no que analiza o debate que se deu arredor do PG na década dos 40 e, despois do falecemento do dirixente galeguista, até a transición.
*"Unha decision insólita" forma parte do libro "O europeismo en Ramón Piñeiro", configurado por cinco ensaios (os outros catro de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lugrís, Fernando Pérez- Barreiro Nolla e Xerardo Fernández Albor/Marcelino Agís Villaverde) e editado polo IGADI, na colección Texturas Internacionais, ao coidado de Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Xulio Ríos Paredes.
Pasaran poucos anos desde o fin da Guerra Civil e da implantación da Ditadura cando, acabada a Segunda Guerra Mundial coa derrota dos reximes totalitarios nazi e fascista de Alemaña e Italia, a Guerra Fría separou aos vencedores. Europa foi dividida en dous blocos antagónicos. Entrementes tomaba corpo a idea que entre 1950 e 1957 conduciría á criazón das Comunidades Europeas.
En 1945, as conferencias dos aliados en Postdam e San Francisco, destinadas a estabelecer a nova orde europea e mundial mudando fronteiras e repartindo dominios, non determinaron nen apoiaron a caida do rexime de Franco, ainda que lle negaron a entrada na ONU. A actitude dos aliados ocidentais encabezados por EEUU e o Reino Unido mancou a esperanza da rápida recuperación das instituicións democráticas, provocando unha diverxencia entre os republicanos que mantiveron a perspectiva da recuperación das instituicións da República e os que consideraron que o fracaso da Ditadura en vida ou depois da morte do xeneral Franco non suporía a volta da Segunda República, senón a implantación doutro sistema estatal, posibelmente unha monarquía parlamentar. Formando parte dos primeiros facíase tamén presente a reivindicación dunha República Federal e o recoñecimento do carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza. O apoio estadounidense á rexime ditatorial consolidaríase nos anos cincuenta. En 1953 EEUU e a España de Franco asinaron un acordo defensivo, estabelecendo bases militares norteamericanas na Península. Con ese apoio, o Estado español entrou na ONU en 1955. Franco foi visitado por Esenhower en 1959.
Reorganizado o Partido Galeguista na clandestinidade entre 1943 e 1944, co protagonismo especial de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román, Xaime Isla Couto e Fermín Penzol, e estabelecido o Consello de Galiza en América cos deputados exiliados Afonso R. Castelao, Ramón Suárez Picallo, Antonio Alonso Ríos e Elpidio Villaverde, os nacionalistas galegos procuraran unha unidade de propósitos tanto cos nacionalistas vascos e cataláns en Galeuzka, como cando eles coa Alianza Nacional de Forzas Democráticas, que reunía a unha parte dos socialistas, os republicanos e os cenetistas. Por outro lado, tomando a decisión de organizar a Unión Nacional, os comunistas pretenderían tamén o achegamento á ANFD. Depois da Conferencia de San Francisco e ainda na perspectiva da caida da Ditadura, as Cortes republicanas se reuniron en México para nomear un Presidente da República e un novo Presidente do Governo. A formación do Governo con sede en Paris presidido polo republicano Jose Giral y Pereira, do que formaba parte Castelao, non serviría para fortalecer a unidade de todos os republicanos, sendo substituido 1947 por un Governo presidido polo socialista Rodolfo Llopis, sen presenza galeguista. Daniel viviría en Paris isolado e coa amargura das graves discrepancias políticas e persoais que mantiña cos membros do Comité Executivo do PG. En 1946, acabado de chegar de Paris para tratar da entrada galeguista no Governo no exilio, Ramón Piñeiro fora detido en Madrid, xunto cos irmáns Camilo e Cesareo Saco e outros membros da oposición. Sairía da prisón en 1949. Entróuse con todo nun período de debilitamento da acción do Partido Galeguista e de agudización das diferenzas internas, cos galeguistas do interior predispostos a alianzas entre os republicanos e os monárquicos antifranquistas e os do exilio, con Castelao, defensores da perspectiva da República Federal. Coa morte de Afonso R. Castelao en 1950, a división fíxose irreversíbel.
As posicións enfrentadas dos nacionalistas galegos non responderían só ao qué facer perante as duras circunstancias que se vivían, podendo as discrepancias aparecidas ser correxidas en función do sentido que tomaren os acontecimentos. Porén, nunha decisión tan transcendente como insólita, xustificando a súa determinación polo carácter supraestatal dos problemas politicos e económicos a enfrentar e resolver na Europa resultante da Segunda Guerra Mundial, os galeguistas do interior darían por feito o declinio dos Estados-nación e a destrución dos nacionalismos europeus, negarían as perspectivas emancipatorias de Galiza como nación e decidirían abandonar o traballo estritamente político, empreendendo unha acción cultural destinada a manter e desenvolver o que denominaban como ideal galeguista. Afastáronse así da obra estruturadora do nacionalismo que viña do século XIX no momento da emerxencia das nacións europeas e particularmente do nacimento das Irmandades da Fala e da criazón do PG e proseguida durante a Guerra Civil e, co mérito especial deles mesmos, nas duras circunstancias dos anos cuarenta.
Castelao integrara o horizonte da República Federal nunha mirada universal que incluía a unidade europea. Voltando de Marsella a Buenos Aires en 1947 depois da súa experiencia de participación no Governo da República, condensara o seu pensamento sobre futuro político-institucional da nación galega en catro principios, certamente utópicos, mais significativos: Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais povos de Hespaña; República Federal Hespañola para confederarse con Portugal; Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea e Estados Unidos de Europa para constituir a Unión Mundial (1). En 1948 saudara o Congreso pola unidade de Europa celebrado en Holanda, estando entre os centos de dirixentes asistentes o lehendakari vasco José Antonio Aguirre. Continuaba a tradición europeista do nacionalismo galego e en particular a acción do Partido Galeguista representado por Plácido Castro no Congreso das Nacionalidades Europeas de 1933 conseguindo o recoñecimento do carácter nacional de Galiza. Castelao defendía a unidade sen facer deixación da condición nacional galega ao tempo que rexeitaba o afán dominador dos EEUU e da URSS que, non desexando “unha Europa federada porque sería impermeable aos seus maquiavelismos”, fruncían “o entrecello perante a posibilidade de constituírense os Estados Unidos de Europa”(2).
Porén, os seus compañeiros do interior identificaron a unidade europea que se albiscaba coa caida en desuso do principio das nacionalidades que acompañara a criazón da maior parte dos Estados do continente durante o século XIX e a primeira metade do XX. Tomaron os movimentos pola unidade supraestatal como xustificación da renuncia á idea de Galiza como nación, argumentando que ese conceito estaba ligado á reclamación da autodeterminación en forma de Estado soberano e con el da independencia. Deixaron de ver o galeguismo como protagonista da vontade nacional do país e decidiron a supresión do Partido Galeguista coa pretensión da galeguización dos partidos políticos españois actuantes en Galiza. Atribuían a defensa do nacionalismo estatalista á Unión Sovietica co obxectivo de impedir a unidade que viña nunha acción instrumentada por medio dos partidos comunistas da Europa ocidental. Ramón Piñeiro pensaba xa en 1956 que entanto que “os paises da Europa oriental aparecen rixidamente encadrados na homoxénea e férrea liña política do mundo comunista cuxa capital é Moscú, os paises da Europa occidental aparecen debaténdose por superar os vellos moldes políticos do Estado nacional soberano en procura de novas formas que lle aseguren ó occidente como conxunto unha cohesión firme. A subsistencia mesma de occidente coas súas formas de vida características depende de que chegue ou non a se articular unha nova estrutura política nacional”. “Os moldes políticos sobre que descansa a sua tradición non serven para os problemas actuais. De aí o seu grande dilema: ou entregarse á asimilación política de Rusia ou transformar totalmente a sua estrutura política propria”(3).
Cando nacía a Comunidade Europea, os galeguistas do interior ignoraron que as propostas determinantes para a criazón da entidade como unha unión supraestatal cada vez máis estreita, baseada no diálogo e na paz, respondían á vontade de superación dos enfrentamentos seculares entre Estados que culminaran na Grande Guerra dos Trinta Anos (1914-1945) con decenas de millóns de mortos e o continente convertido nun mar de ruínas. Non achegaron na súa reflexión o facto de que a unidade europea foi demandada no final do século XIX e durante e depois da Primeira Guerra Mundial e labrada durante a Segunda, anos antes da Guerra Fría, co protagonismo especial de persoas que terían unha importancia decisiva na estruturación das instituicións comunitarias. Lembremos ao francés Jean Monnet traballando desde Alger, onde formaba parte da Franza libre encabezada por De Gaulle, sendo depois un formulador principal das CCEE, deitando nelas unha fonda pegada, ou a Altiero Spinelli próximo ao Partido Comunista de Italia, que en plena Guerra Mundial, estando preso nas carceres fascistas, no Manifesto de Ventotene concebía a organización dos “Estados Unidos de Europa como a premisa indispensábel para eliminación do militarismo imperialista”. Spinelli anunciaba así os esforzos que faría máis adiante como deputado no Parlamento Europea na lexislatura 1979-1984, protagonizando unha proposta de Tratado da Unión Europea que aprobado pola Cámara decairía ao non ser aceitado polo Consello.
Os galeguistas non podían adiviñar naquel momento todo o que sucedería. Mais sí interpretar o que estaba a pasar sen convertírense en reféns intelectuais dos enfrentamentos da Guerra Fría. Estabelecendo unha entidade inovadora, diferente das instituicións federais ou confederais por muito que recollese experiencias destas formas institucionais, era xa evidente que coa CE a soberanía tradicional dos Estados se transformaba en parte nunha soberanía partillada, sen dar lugar á desaparición dos Estados-nación e muito menos a negación das nacións. Na UE os Estados conservan mesmo os direitos a arredarse da entidade común e de integrarse de novo se cumpriren as condicións democráticas precisas. Como confirman os Tratados, os Estados da Unión Europea teñen un direito de autodeterminación. Estando fora terían a posibilidade de manter relacións especiais coa UE, como fan a Confederación Helvética ou Noruega.
A UE non só non provocou a obsolescencia dos Estados nación, senón que unindo os existentes acolleu os que os que conseguiron a liberdade e ás nacións que se tornaron independentes. Dando a luz unha revolución histórica, integrou primeiro a Bélxica, Holanda, Luxemburgo e Franza con Alemaña e Italia que foron inimigas na Guerra; depois a Dinamarca e ao Reino Unido e Irlanda que fora colonia británica e afirmara a independencia apenas na decada dos cuarenta; logo a Grecia e a Portugal e o Estado español saidos de ditaduras; máis tarde a Suecia, orgullosa como todos os paises escandinavos do seu Estado de benestar, á Austria que se comprometera co nazismo e á Finlandia que até 1917 dependera do imperio zarista; para finalmente, após a República Democrática Alemá, achegar a dez Estados situados antes de 1989 dentro do bloco dominado pola URSS, ademais de Malta e Chipre, suxeitos dos mesmos direitos que os grandes Estados. Contra a teoría da obsolescencia do nacionalismo, coa desintegración da URSS recuperaron a plena liberdade estatal Polonia, Hungría, Bulgaria e Romenia, conseguiron de novo a independencia Estonia, Letonia, Lituania e Checoeslovaquia e Eslovenia, Ucraina, Xeorxia, Armenia, Serbia, Croacia, Macedonia, Bosnia-Herzegovina, Montenegro ou Moldavia deviron en Estados independentes. Está por resolver o problema do recoñecimento das nacións sen Estado: Galiza como Escocia, Gales, Flandres, Cataluña, Euskadi, quer mediante a previa declaración da plurinacionalidade ou a constituición como Estados federais do Reino Unido, Bélxica e Estado español, quer através da configuración dun Estado proprio, tendo en conta que en sí mesmos os Tratados non impeden o alargamento da Unión Europea a Estados nacionais que se constituiren no seu seo. Non se pode esquecer, por outra parte, que a entrada da República Checa e Eslovaquia como Estados independentes e a unión de Alemaña do Leste coa Alemaña occidental se materializaron de acordo co principio das nacionalidades ou praticando o direito de autodeterminación que se deran por mortos. En todo o caso, a existencia da Unión Europea non supuxo en absoluto, non debería ser preciso lembralo, a desaparicion dos partidos políticos nacionais.
Se as tendencias supraestatais europeas serviron, asemade, para xustificar a disolución do Partido Galeguista, a materialización definitiva dese propósito tardou un tempo. En 1956 Ramón Piñeiro afirmaba ainda que se naquel momento o galeguismo non actuaba politicamente dentro de Galiza era pola imposíbilidade de tal tipo de actuación e cría que cando cambiaren “as condicións actuais da situación política española, que por duradeira que sexa é fatalmente transitoria, en Galicia xurdirá unha vigorosa, xuvenil, san e decidida forza política galeguista disposta a reclamar os dereitos de Galicia, disposta a conseguir para Galicia a dignidade de pobo con personalidade propria e coa responsabilidade de a desenvolver historicamente”. Aseveraba tamén que “esa futura forza galeguista, que hoxe soamente está presente no interior de cada conciencia individual en forma de sentimento, terá que actuar en representación de Galicia cando a etapa actual, derivada da Guerra Civil, desemboque noutra nova etapa en que a división dos españois en vencedores e vencidos quede superada pola convivencia e igualdade de todos diante da lei”.
Non foi finalmente así. Os galeguistas acabaron propugnando un sistema bipartidista, segundo o modelo que se pretendía daquela na Europa ocidental, con un partido socialista e outro demócrata-cristián, integrados en partidos políticos estatais. Crendo posíbel que os partidos españois recoñecesen o ideal galeguista e compartillasen a o propósito dun Estado Federal, desprezaron a evidencia de que un galeguismo fundamentado na visión histórica, a lingua, o desenvolvimento e os intereses económicos e o carácter social do país, mesmo sen argumentar co direito e a vontade de Galiza como nación, entraría en contradición co propósito do Estado español e de España como nación única. Non tiña sentido esperar que o Estado español se contemplase a sí mesmo desde unha perspectiva diferente da tradicional e codificada definitivamente nos séculos XIX e XX que se fundamenta na consideración de España como unha nación predeterminada desde a Hispania romana, o reino godo, unha Reconquista de oito séculos, o Reino de Castela e os Reis Católicos como unificadores últimos (malia a evidencia do carácter diverso dos estados europeus e americanos que dependeron dos Habsburgo e dos Borbon), co castelán como lingua común e superior. Un Estado Federal que integrase o carácter da sociedade galega tería que recoller unha lectura do devir histórico de Galiza que sería contraditoria con todos e cada un dos elementos que definen ainda a ideoloxía historiográfica española e a o povo. Galiza tería que dispor, por outra parte e basicamente, de competencias políticas, económicas, sociais e culturais plenas, participando nas correspondentes ao ámbito internacional. Non se pode pensar que o abandono da defensa de Galiza como nación favorecería o autogoverno. Argumentando contra a posición dos que consideraren que para conseguir a liberdade das línguas e das culturas non era necesario tronzar os Estados unitarios e centralistas porque “para servir aos valores espirituais” chegaba coa independencia que precisar, o mesmo Castelao pensaba que para preservar “a alma das nacións” se necesitaba unha autonomía integral en todos os níveis da vida pública. Unha realidade que se fai cada vez máis evidente no mundo urbano e industrial, do ensino xeneralizado e da comunicación universal.
En todo o caso, cando nos anos oitenta se instrumentaba o Estatuto de Autonomía, entraba o Estado español nas Comunidades Europeas e caía o Muro de Berlin, constituía un sensentido afirmar que o avanzo da unidade europea, ainda incluindo Estados de carácter xacobino, determinaba o declinio dos Estados-nación ou - ainda sabendo das dificuldades coas que se enfrentaban- que puña en causa as aspiracións das nacións sen Estado. Ficara ademais claro que os partidos politicos e as forzas económicas, culturais e mediáticas estatais non só negaban a Galiza como nación senón tamén o ideal como povo formulado un cuarto de século antes polos galeguistas do interior.
A experiencia das décadas pasadas demonstrou que a materialización dun compromiso sobre a diversidade nacional, política e cultural do Estado español necesita dunha consciencia positiva sobre a capacidade de autogoverno das nacións internas, nun proceso que inclua o fortalecimento de forzas políticas proprias, sabendo da interdependencia necesaria na Península, na Unión Europea e nas instituicións internacionais. A mesma conquista do Estado das Autonomías na transición desde unha Ditadura tivo por causa a necesidade que tiñan as as forzas democráticas da oposición e os elementos reformistas do rexime do concurso das formacións políticas nacionalistas periféricas. Non resulta aventurado pensar que nunha circunstancia diferente, como a hipotética transición pacífica desde un rexime monárquico a outro republicano, sería máis improbábel o recoñecimento de Galiza, Cataluña e Euskadi, xa non como nacións, senón mesmo como nacionalidades. A afirmación de Galiza como nación non é en sí mesma incompatíbel coa persecución de obxectivos federais nen impede unha pratica de progresivo autogoverno dentro dun sistema autonómico se as circunstancias non permitisen outra vía política. Mais ainda, os obxectivos federais ou confederais non serían críbeis de Galiza non se afirmar como nación. O Partido Galeguista reclamou nos anos trinta un Estatuto de Galiza dentro dunha República Federal e non o conseguíu, sen que isto o levase a afastarse da batalla polo Estatuto de Autonomía e non hai razóns para pensar que a reclamación da República Federal por Afonso R. Castelao, cos seus compañeiros, impedise por principio a defensa dun Estatuto de nacionalidade coa caida do franquismo se tiver a ocasión vital que lle foi negada.
Nos anos sesenta, nunha conxuntura definida pola recuperación no Estado español dos movimentos políticos, obreiros e estudantís de oposición á Ditadura e no exterior pola descolonización e a criazón das Comunidades Europeas, o movimento nacional emerxeu con outras formas ideolóxicas e organizativas. A disolución do Partido Galeguista rompera a continuidade da experiencia política, programática e organizativa tan traballosamente levada a cabo polo movimento nacional. Estragárase a posibilidade de facelo presente na transición desde a Ditadura e no tempo democrático, quer como unha formación que ocupase o espazo político dun nacionalismo socialmente de centro, quer como un partido na que puderen integrarse as forzas emerxentes do nacionalismo de esquerdas. As novas formacións incorporaron a vontade política nacional do Partido Galeguista, formándose nas aspiracións e contradicións da Galiza que comezaba a tornar en urbana e industrial, sen virar as costas á tradición labrega e mariñeira coa que identificara de modo especial o galeguismo, conxugando as ideas e obxectivos da esquerda política e social coa a identidade histórica, cultural e linguística galega. A fundación do Partido Socialista Galego correspondeu nos seus inicios ao esquema querido polos galeguistas, para máis adiante, ante os desafios da realidade política, asumir posicións nacionalistas. A decisión de criar tamén un partido democrata cristián non chegou a materializarse. A criazón da Unión do Povo Galego, pretendeu responder á vontade dos exiliados, mais tamén á orientación antiimperialista e favorábel ás posicións da Unión Soviética que era propria de determinada esquerda no momento da descolonización mundial dos anos sesenta. O grupo Galicia Socialista, que máis adiante daría lugar ás formacións políticas da liña de Esquerda Galega, formando parte do nacionalismo sustentaba unha orientación política superadora da división das dúas tradicións da esquerda europea, a socialista e a comunista, considerando que pertencían a unha dialéctica e a un tempo idos. A conxunción dos esforzos de Galicia Socialista cos posteriores da UPG deu lugar a criazón do primeiro sindicato nacionalista galego formalmente organizado, encertando unha experiencia innovadora ao unir por primeira vez teórica e organizativamente as reivindicacións nacionais galegas e as demandas emancipadoras dos traballadores, chegando a configurar unha realidade que, dándose tamén en Euskadi, non se materializou en Cataluña. Non chegou a callar un intento de reconstrución dun Partido Galeguista, fora da órbita do grupo do interior dos anos cuarenta e cincuenta. Nos anos sesenta, no renacimento do nacionalismo galego da posguerra tiveron unha importancia fundamental as asociación culturais: O Facho na Coruña, a Asociación Cultural de Vigo, O Galo en Santiago, a Asociación Auriense en Ourense (...), que levaron adiante un traballo cultural e actividades claramente situadas na oposición á Ditadura, reunindo nelas non apenas a nacionalistas senón tamén á oposición política de esquerdas e sindicalista. As formacións do nacionalismo de esquerdas participaron activamente e con un protagonismo saliente nas batallas sociais do momento. Fortalecéuse o extraordinario traballo cultural e editorial do galeguismo do interior a través da Editorial Galaxia, sendo acompañado por iniciativas de outras muitas procedencias, tanto editoriais e literarias como asociativas, que non puñan en causa as perpectivas de emancipación abertas polo movimento nacional galego desde había un século.
Virían logo os acontecimentos da Transición, a Constituición de 1978, o Estatuto de Autonomía e a entrada na Unión Europea. A estrutura socio-económica da sociedade galega mudou radicalmente. Galiza ficou máis preparada que nunca para asumir un proxecto nacional. Medraron a consciencia nacional e a autoestima histórica e cultural e crióuse unha visión positiva das extraordinarias capacidades e condicións materiais do país. Creceu o rechazo a un poder estatal centralizado e uniformizador, entanto que malia a realidade autonómica presente permanece unha ideoloxía e un poder baseados na idea de España como nación exclusiva. Abríuse camiño a idea de Galiza como nación no mundo, para alén dos límites do territorio español. Os partidos estatais en Galiza tiveron que adaptarse á realidade autonómica, mais non responderon ás expectativas federalistas. Os avanzos que puderon ter no recoñecimento da realidade nacional e dos problemas e aspiracións de Galiza, ademais de corresponderen á influencia da responsabilidade asumida desde o poder autonómico, foron fillos do contraste dos seus programas cos defendidos polo nacionalismo galego na sociedade e nas instituicións.
Dentro do movimento nacional galego permanecen irresoltas contradicións que apareceron nos anos sesenta e que se manifestaron na Transición e nas décadas pasadas, dificultando a compreensión do que facer ante as novas realidades. Non resulta aventurado pensar que todo sería máis doado de Galiza contar tamén con un Partido Galeguista, achegando a súa forza histórica á das forzas nacionalistas que emerxían.