Logo de pechar o ano con fracaso na loita á mudanza climática, a ONU asina desafío para 2010: sensibilizar a poboación acerca da protección da diversidade biolóxica.
O 2010 foi declarado polas Nacións Unidas como Ano Internacional da Diversidade Biolóxica. O obxectivo é alertar a cidadanía sobre a situación de perigo que afronta a biodiversidade planetaria, co agoiro dos científicos ao respecto da extinción cada ano de máis de dez milleiros de especies, moitas que, probablemente, nin sequera deu tempo a catalogar. Sensibilizar a poboación sobre o tema e facer presión sobre as administracións para a toma de medidas que freen esta tendencia é así meta da ONU para o ano entrante.
"A biodiversidade é a vida, a biodiversidade é a nosa vida" é o lema elixido para a ocasión. A desertificación e a destrución e fragmentación de hábitats naturais son as principais causas da perda de biodiversidade. Un escenario que se agrava, advirte a ONU apenas unhas semanas despois do fracaso do acordo en Copenhague, polas propias alteracións climáticas. Segundo a listaxe da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, arredor de 17 mil especies están en grave perigo de extinción. Así por exemplo, o 21% dos mamíferos coñecidos, o 12% das aves ou o 70% das plantas están ameazados.
As citas institucionais para este Ano Internacional da Diversidade Biolóxica comezan o vindeiro 11 de xaneiro en Berlín, coa cerimonia oficial das Nacións Unidas para a presentación dos obxectivos xerais. Representantes políticos serán convocados na sede da Unesco en París a semana do 21 de xaneiro para debater sobre o asunto. E en setembro, a ONU convocará unha xuntanza onde espera aprobar unha declaración que irá a debate na xuntanza dos membros do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, a celebrar en Xapón no mes de outubro.