Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Un paso máis na web 2.0

Ponse en marcha un observatorio mundial da biodiversidade a través da rede

O proxecto, que se completará no prazo dunha década, unirá bases de datos coas observacións de persoas de todo o mundo.

Redacción - 13:00 07/06/2009

Científicos de todo o mundo teñen previsto poñer en marcha un observatorio macroscópico da biodiversidade que combine as posibilidades das redes sociais da internet e as observacións do público. O proxecto, presentado esta semana en Londres, na conferencia e-Biosphere, podería estar en funcionamento no prazo dunha década.

Moitos dos elementos que compoñerán esta rede xa están en marcha e só precisan conectarse, polo que o observatorio macroscópico da biodiversidade podería comezar a funcionar en tan só uns meses. Así, xa existen a base de datos ARKive, con imaxes e vídeos de especies; Aquamaps, cartografía do medio mariño, e o sistema e código de barras xenético.

Segundo explicou o organizador da conferencia e director executivo da Enciclopedia da Vida do Smithsonian Institute, o proxecto é crear "un observatorio virtual en que observacións medioambientais, datos de exemplares e resultados experimentais poden ser efectuados a calquera nivel da biodiversidades, dende xenes até ecosistemas".

O sistema está pensado para ser aberto e de balde para todo o mundo, polo que calquera persoa poderá acceder a través da internet a unha imaxe de satélite e obter información en detalle das especies de árbores ou dos insectos que habitan nese ecosistema ou datos sobre o ADN dos seus microorganismos.

Os científicos explicaron como funcionaría esa rede. Así, un individuo que atopase un insecto no xardín podería identificalo a través da rede e obter todo tipo de datos sobre el, como o seu dano potencial ou a súa orixe. E esa persoa poderíase unir a miles de usuarias do mundo que achegarán as súas observacións para contribuír a unha gran base de datos mundial que, ao tempo, axudase a entender os cambios medioambientais das distintas rexións do mundo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: