Os prezos reducíronse a menor ritmo que no Estado Español, onde a cotización caeu un 5,7% en todo 2009.
O ritmo na baixada dos prezos da vivenda é en Galiza moito menor que no Estado Español
Os que hoxe queiran comprar unha vivenda nova libre en Galiza terán que pagar un 3,3% menos que hai un ano. Así se deduce dos datos ofrecidos pola Sociedade de Taxación, nun estudo que revela que a caída dos prezos no conxunto do Estado Español chegou até case o dobre, un 5,7%. Se reparamos no último trimestre do ano, a caída foi mesmo maior, un 7,7% en comparación co mesmo período de 2008.
No peche de 2009, o prezo medio español nas capitais de provincia situouse en 2.558 euros por metro cadrado construído, é dicir, 255.800 euros para unha vivenda de 100 metros cadrados. Pontevedra e Lugo son, xunto coa estremeña Badaxoz, as capitais de provincia máis baratas, con prezos inferiores a 1.500 euros por metro cadrado. Pola contra, Barcelona, San Sebastián ou Madrid elevan as cotizacións até os 3.900 euros por metro cadrado.
Segundo a Sociedade de Taxación, neste 2010 a previsión é que o prezo da vivenda continúe evolucionando á baixa, se ben de xeito máis moderado, e mesmo fala de posíbeis leves repuntes nalgunhas cidades onde a oferta é limitada. Ademais, estima que a evolución da economía podería influír no mercado da vivenda de xeito que se manteñan baixos os tipos de interese hipotecario. Con todo, tamén adianta que, malia ao aumento da taxa de aforro, mentres non muden as condicións de acceso ao financiamento e non diminúa a taxa de paro, non haberá un significativo incremento na compra de vivendas nos próximos meses.
Reconversión ao aluguer
Neste contexto, a sociedade española considera previsíbel que no 2010 se reduza gradualmente o gran volume de vivendas á venda, grazas á reconversión de parte do stock a inmóbeis protexidos ou en aluguer. Precisamente estes días, o Ministerio de Vivenda deu a coñecer outro informe segundo o cal os mozos españois de 18 até 30 anos adican, de media, o 42% do seu salario a pagar a mensualidade do seu aluguer.