Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

Co estímulo da demanda, a vivenda mantén os seus prezos

No segundo trimestre  as cotizacións baixaron só un 0,8%, un comportamento diferente ao español que se explica porque seguimos mercando pisos.

Redacción - 13:10 30/09/2009
O número de operacións de venta reduciuse, mais non tanto como no Estado

O número de operacións de venta reduciuse, mais non tanto como no Estado

A vivenda en Galiza mantén os seus prezos. Esta realidade, que podemos comprobar achegándonos a unha inmobiliaria, volveu ser ratificada polas estatísticas do INE, desta volta cos datos referentes ao segundo trimestre deste ano. O comportamento do mercado inmobiliario galego desenvólvese á marxe do estatal, no que, mes tras mes, continúan a caer as cotizacións.

En termos exactos: o prezo da vivenda libre no Estado Español reduciuse un 7,7% en taxa interanual durante o segundo trimestre do ano, unha décima máis do que baixaron no primeiro trimestre (-7,6%), segundo o Índice de Prezos de Vivenda (IPV). Mentres Cataluña, Euskadi ou Madrid lideran estes descensos, Galiza ocupa postos privilexiados na clasificación contraria: xunto con Estremadura e Asturias, é o lugar onde menos pronunciada é esta baixada, en concreto un -0,8%.

A tendencia mantense ao respecto das anteriores estatísticas: así, debemos recordar que Galiza foi onde menos baixou a vivenda libre en 2008; que nese ano o mercado inmobiliario resistiu aquí mellor a crise cunha caída de transaccións que non superou o 8%; ou que a vivenda galega xa era a que menos se abarataba no primeiro trimestre deste ano. Con todo, e malia que mercar un inmóbel segue sendo tarefa de atrevidos, as causas deste mantemento hai que buscalas nunha demanda sostida.

Os porques do estancamento dos prezos
Análises profundas á parte, a cuestión do mantemento do prezo obedece á clásica lei da oferta e a demanda. Os datos que confirman este comportamento tamén son abundantes, o último o que coñeciamos esta mesma semana, segundo o cal os galegos continuamos a asinar un número alto de hipotecas.

Así o entenden tamén dende o sector. Xoán Xosé Yañez, secretario da Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco) subliña que "nos últimos tres meses estamos vivindo unha importante ralentización na caída". Explica que, en determinadas situacións, como pisos a pé de praia, o descenso nas ventas "practicamente non existiu" e, en xeral, explica que o sector está a percibir unha "reactivación da demanda". Con todo, aínda habendo diferenzas co comportamento do sector inmobiliario estatal, os promotores si perciben maiores reticencias á hora de mercar unha vivenda, xa que "a situación de crise está aí".

Á cuestión da demanda engádense outros factores, como o feito de que os prezos xa fosen relativamente baixos en Galiza antes de que pinchase a burbulla inmobiliaria. "Temos prezos medios que están moi por debaixo dos do Estado", explica Yañez, "afortunadamente nin experimentamos unha escalada alcista tan acusada como en España nin tampouco prevemos unha caída similar".


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: