Descoñecidos roubaron a inscrición a primeira hora da mañá do venres. Foi reemprazada por unha réplica, provisionalmente.
A inscrición orixinal / Flickr: tbertor1
O museo de Auschwitz, antigo campo de concentración nazi, amenceu este venres sen a inscrición "Arbeit macht frei" (o traballo faravos libres) na súa entrada. Segundo os responsábeis do centro polaco, declarado Patrimonio da Humanidade, as letras roubáronas persoas descoñecidas arredor das seis da mañá.
Unha voceira da policía de Auschwitz, Malgorzata Jurecka, asegurou que un can policía anda tras a pista dos ladróns, en declaracións á radio pública Trojka. Tamén se están a examinar as gravacións das cámaras de seguridade.
Os responsábeis do museo xa instalaron unha réplica do sinal no portal. A copia xa se usara anteriormente, mentres se restauraba o orixinal, agora roubado. A placa, construída en ferro forxado por prisioneiros xudeus, erguíase ás portas de Auschwitz dende comezos dos anos 1940. O slogan nazi "Arbeit mach frei" foi colocado ás portas de varios campos de concentración, pero o de Auschwitz tiña a peculiaridade de que a súa letra "B" aparecía invertida.
Calcúlase que máis de 1,1 millóns de persoas, o 90 por cento delas xudías, morreron en Auschwitz entre 1940 e 1945. O resto das vítimas eran polacos non xudeus, xitanos e prisioneiros de guerra soviéticos.