Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
OITAVO PAÍS

Portugal legaliza o matrimonio homosexual, mais sen dereito de adopción

O proxecto de lei, aprobado en Consello de Ministros, será sometido a votación en xaneiro e contará coa maioría de esquerdas como garantía.

Redacción - 12:20 18/12/2009

Portugal acaba de sumarse a un aínda reducido listado de países que xa incorporaron o matrimonio entre persoas do mesmo sexo nas súas lexislacións. Logo de Holanda (2000), Bélxica (2003), o Estado Español (2005), Canadá (2005), Suráfrica (2006), Noruega (2008) e Suecia (2009), o goberno portugués deu luz verde aio proxecto de lei que permitirá o matrimonio civil de homosexuais.

Con todo, o documento non inclúe a posibilidade de adoptar por parte das parellas do mesmo xeito. Aínda máis, o Consello de Ministros aprobou unha disposición legal para denegar explicitamente este dereito aos gais. A proposta para a legalización deste tipo de unións partiu do Partido Socialista (PS), quen argumentou, non obstante, que a adopción non se incluíu no proxecto porque non formaba parte do programa electoral.

A favor e en contra
Cando a proposta de lei do goberno socialista chega até a Asemblea da República, contará previsibelmente co apoio de toda a esquerda, que integran o Partido Comunista (PCP) e o Bloco de Esquerda (BE), ademais do Partido Socialista (PS). Este último conta con 97 dos 230 deputados da Asemblea e sacará adiante a lei cos 31 que suman os comunistas e os do Bloco, únicos partidarios abertamente de dar dereito de adopción ás parellas homosexuais.

Pola contra, o principal partido da oposición, o Partido Social Demócrata (PSD) e mailo democristiano (CDS-PP), con 81 e 21 deputados respectivamente, votarán previsibelmente en contra. A futura lei deberá ser sancionada tamén polo presidente da República, o conservador Aníbal Cavaco Silva (antigo líder do PSD), quen podería atrasar a norma, pedir modificacións e mesmo sometela ao ditame do Tribunal Constitucional, xa que algunhas voces do ámbito conservador aseguran que esta mudanza legal iría contra a propia Constitución portuguesa.

Cambio de opinión?
Hai que subliñar que o mesmo PS rexeitou na pasada lexislatura aprobar unha reforma semellante, cando contaba coa maioría absoluta. Dous proxectos de lei que contemplaban legalizar o matrimonio homosexual presentados polo Bloco de Esquerda e Os Verdes non saíron adiante ante a negativa do partido de Sócrates. Daquela, o primeiro ministro xustificou a decisión asegurando que había outras prioridades na axenda política. Porén, achacóuselle entón falta de valentía ante a proximidade dos comicios electorais.

Pola súa parte, os colectivos de defensa dos homosexuais felicítanse da medida mais lamentan que non incorpore o dereito á adopción. A Asociación da Gays, Lesbianas e Bisexuais (ILGA) cualificou a proposta de "histórica" e subliñou que "pon fin á discriminación do acceso ao matrimonio". Mais o movemento Panteras Rosas considerou "covarde" a medida por non contribuír á igualdade en todos os eidos e recordan que a imposibilidade de adopción non ten precedente ningún en outros países que aprobaron unha lexislación semellante.

Máis información:


3,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: