O coordinador do medio, Xurxo Salgado, explicou que se pretende manter o espírito e os contidos da anterior web.
Galicia Confidencial acaba de renovar a súa web. O que até agora era un blog de información política deu o salto, segundo o seu coordinador, Xurxo Salgado, "a ser un xornal dixital". Para iso, acometeu "unha renovación completa da páxina", mantendo "o espírito e os contidos", cun especial protagonismo da información e do debate político, "pero co obxectivo de contar o que os medios tradicionais non contan".
Ademais dun novo aspecto que pretende ser "áxil e útil", engádense novos contidos: unha sección de información política que recolle temas de actualidade en asociación con 20 blogs e xornais locais de 12 comarcas, e a incorporación de bitácoras de persoas relacionadas coas diferentes tendencias políticas.
Tamén se impulsa outra nova sección para "impulsar as boas prácticas nas administracións e nas empresas privadas" e evitar "a corrupción e as ilegalidades", para o que se creou un foro "de denuncia das irregularidades", explica Salgado. Pretende recibir denuncias de grupos e colectivos e mesmo levar eses asuntos á Fiscalía.
A sección de opinión, que xa existía, incorpora máis colaboradores dos tres principais partidos, pero tamén "do deporte, do xornalismo e da cultura". Segundo Xurxo Salgado, recibiron moitas respostas positivas de xente convidada a participar en Galicia Confidencial. Por último, as redes sociais en que ten presenza o medio terán tamén unha parte destacada na páxina, onde se farán visíbeis cada día usuarios seguidores da web.