A manifestación chega logo de pasar a primeira noite cos seus tractores na zona compostelá de Salgueiriños e sen o apoio do resto de forzas agrarias.
Varios centos de gandeiros galegos e asturianos partiron á media mañá deste martes cara á Catedral de Santiago en manifestación para protestaren polo incumprimento do pacto leiteiro e logo de pasar a primeira noite cos seus tractores na zona compostelá de Salgueiriños.
Após chegaren en autobús medio cento de gandeiros procedentes de Asturias, e á espera de que tamén cheguen desde Cantabria, os gandeiros decidiron partir deica á Praza do Obradoiro para manifestaren a súa protesta contra a situación que vive o sector. A reivindicación estaba prevista que se realizase pola beirarrúa para non entorpecer o tránsito.
Ademais, os gandeiros definiron á primeira hora en asemblea as novas mobilizacións. Entre outras, aprobaron organizar unha "tractorada" esta cuarta feira deica o edificio da Xunta co fin de que os reciba o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez.
Do mesmo xeito, ameazan con deixar de recoller a produción de leite e agardan forzar unha reunión conxunta entre a Administración, o sector e a industria para facer cumprir os acordos.
838 millóns de euros en cinco anos, di a Xunta
Pola súa banda, Medio Rural reivindicou este mesmo martes que a Xunta apoia o desenvolvemento dun novo modelo do sector, que se recolle no plan estratéxico, onde se investirán 838 millóns de euros en cinco anos.
Este documento "foi elaborado" en colaboración co sector e trátase dun texto "dinámico e realista", que se actualizará "periodicamente", din.