Concentraranse na explanada de Salgueiriños até que o mércores comecen os actos de protesta. A mobilización non conta co apoio do resto de forzas agrarias.
A organización Gandeiros Unidos xoga forte esta semana en Compostela. De xeito unilateral e sen o apoio das forzas sindicais tradicionais, este sindicato comeza unha concentración na que agardan a participación de perto de dous mil tratores chegados dende diferentes comarcas de Galiza. Desta vez, anuncian unha concentración “ininterrompida” para denunciar o incumprimento do pacto lácteo ao que se chegara o pasado mes de setembro para establecer uns prezos de referencia.
Os puntos de saída dos gandeiros son denden Santa Comba, Lalín, Arzúa, Ordes, A Laracha e Vilalba. A forza agraria convocante anuncia que dende a tarde deste luns os tratores van quedar acantonados na explanada de Salgueiriños. A partir do vindeiro mércores comezarán actos de protesta contra as distribuidores e as industrias leiteiras, á vez que prevén unha saída de vehículos ás rúas da capital de Galiza.
As tres principais organizacións do país Sindicato Labrego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores non van participar na mobilización. As razóns son diferentes. O SLG, que xa non asinara hai meses o pacto asegurando que non se ía cumprir, mantén que o único modelo válido é o establecemento de prezos mínimos reais. A súa principal dirixente, Carme Freire, entende que a convocatoria de protesta non vai servir de nada porque o acordo que se reivindica non soluciona o problema, como se ten demostrado nestes meses.
Polémica entre as diferentes organizacións
O pulso que pretende levar a cabo Gandeiros Unidos vai servir para demostrar o apoio real que ten a organización máis nova das que funcionan no país. Con presenza anterior en Asturias, Cantabria, Eukadi e León, este novo sindicato botou a andar en Galiza. Aínda que ten presenza en diferentes comarcas, o seu músculo de afiliados radica nas comarcas de Xallas, Ordes e Deza.
As restantes forzas sindicais ven “escuras intencións” no nacemento desta organización na que, ademais de gandeiros, tamén participan grandes vendedores de pensos e doutras empresas relacionadas co agro. Gandeiros Unidos ataca aos outros sindicatos acusándoos de estaren “politizados” e de non defender os intereses reais dos produtores.