"En Galiza non é posíbel unha estratexia de desenvolvemento sustentábel sen institucións financeiras propias", expuxo o voceiro do Bloque na Cámara Baixa.
"Desde a cúpula do Partido Popular, co apoio de La Moncloa, prográmase o desembarco de Rodrigo Rato en Caja Madrid para desde alí lanzar unha OPA ás caixas galegas", afirmou este mércores no Congreso o voceiro do BNG, Francisco Jorquera.
Durante a comparecencia do presidente do goberno español no Pleno do Congreso para informar da Estratexia para unha Economía Sustentábel, o portavoz do BNG advertiulle a Zapatero de que "en Galiza non é posíbel unha estratexia de desenvolvemento sustentábel se as únicas institucións financeiras vinculadas ao noso país, as caixas de aforros galegas, deixan de ter o seu centro de decisión en Galiza e desvincúlanse aínda máis da nosa economía". O deputado nacionalista en Madrid expresou a "preocupación do BNG" porque a reestruturación do sector financeiro posta en marcha polo goberno español "aposta por bancarizar e desterritorializar as caixas de aforro e reducir o seu peso no conxunto do sector financeiro".