A CIG acusa a Xunta de "non aforrar en medidas coercitivas" e advirte que as mobilizacións en defensa dos servizos públicos van continuar.
A Xunta mobilizou a varios axentes de policía para impedir o peche que tiñan previsto levar a cabo os traballadores das oficinas de Igualdade e Benestar na sede central do Consorcio (Compostela). As forzas de seguridade negáronlle a entrada nas dependencias públicas ao persoal das oficinas comarcais que se desprazaran até Compostela para participar na mobilización.
Ás 17 horas, no momento que estaba previsto que comezase o peche, o propio xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, pediulles que abandonasen voluntariamente os servizos centrais para evitar un desaloxo pola forza. Segundo explicaron as propias traballadoras, Rodríguez asegurou que nunca cuestionara nin a súa profesionalidade nin os méritos de acceso á praza. Antes de abandoar as instalacións e concentrarse fóra, os folguistas exixiron que repetise as mesmas palabras diante dos medios de comunicación presentes.
A CIG denuncia a actitude “coercitiva” da Xunta
A CIG, sindicato maioritario no Consorcio, acusou directamente a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, de ensaiar unha “actitude represiva” para apagar as voces de protesta. Dende esta organización subliñaron que a presenza policial, dende última hora da mañá, incluso impediu a entrada aos servizos centrais de cidadáns que acudían ao mesmo.
Para a CIG o acontecido este martes reflicte o nerviosismo do Goberno, que ve con preocupación paro xeral convocado para o día 24, cando os traballadores están chamados a unha folga en apoio de 61 compañeiros despedidos.
As mobilizacións previas ao paro proseguirán este mércores cunha concentración diante de San Caetano. Ademais dos partidos políticos da oposición e os sindicatos, diferentes concellos e asociacións de veciños están a mostrar o seu rexeitamento á supresión de programas de Igualdade, Familia e Infancia en 18 comarcas rurais.