O Banco Europeo de Inversións (BEI) concedeulle un préstamo de 300 millóns de euros que destinará a aumentar a súa cota de xeración de enerxía.
Iberdrola foi denunciada en Europa polas desfeitas ambientais provocadas nos canóns do Sil
Malia a presentación de diversas denuncias, unha delas perante a Comisión Europea, polas desfeitas ambientais acometidas por Iberdrola nos canóns do Sil, o proxecto recibirá financiamento por parte do Banco Europeo. Esta entidade, que segundo os seus criterios fundacionais, ten por obxecto impulsar proxectos de interese europeo, concedeu a Iberdrola un préstamo de 300 millóns de euros para financiar a ampliación de tres centrais hidroeléctricas, dúas delas situadas no Sil.
En concreto, o crédito europeo destinarase, ademais de a unha central valenciana, ao financiamento da ampliación das centrais de Santo Estevo II e San Pedro II. O acordo asinado polos representantes de ambos organismos entende que con estes cartos se "apoiarán proxectos que contribúan ao triplo obxectivo de aumentar a eficiencia enerxética, mellorar a seguridade de abastecemento e impulsar un subministro máis limpo". Ao parecer, non se tiveron en conta as denuncias presentadas tanto pola oposición política, como polos colectivos ecoloxistas, sobre os furados que sobre a Ribeira Sacra practicou Iberdrola para poñer en marcha estas centrais hidroeléctricas.
Grazas a estes 300 euros, a planta de Santo Estevo II contará cunha nova central de turbinación, o que suporá unha ampliación de 176 megavatios de potencia instalada, a maiores dos 300 xa existentes. O proxecto obriga, ademais, a perforar a montaña e utilizará o encoro e a presa a actuais. Mentres, en San Pedro II ampliarase en 25 megavatios a potencia instalada a través da construción dunha central semisoterrada.