"O dano ecolóxico é evidente. Non fai falta ser un técnico ambiental para velo", afirman os nacionalistas.
Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, exixiulle este mércores á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que "suspenda de forma inmediata e cautelar" as obras de construción dunha segunda central hidroeléctrica en Santo Estevo logo de secar un tramo do río Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra.
Pérez Bouza presentou un escrito no rexistro da Confederación onde pretende "pór en coñecemento" do presidente do organismo, Francisco Fernández Liñares, os feitos que son "graves e constitutivos de delito ambiental" no encoro de Santo Estevo.
O "responsábel" destes feitos é a empresa Iberdrola que "non está respectando o caudal ambiental mínimo obrigatorio", sinalou o senador nacionalista, que solicitou "abrir un expediente informativo" e "comprobar se se incumpre a normativa ambiental e os termos en que se lle outorgou o permiso".
Pérez Bouza manifestou a súa confianza en que o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil "atenda esas peticións" mais, de non ser así, ameazou con pór estes feitos en mans da Fiscalía "para que sexa a Xustiza quen actúe".
Responsabilidade tamén da Xunta
No entanto, indicou que a Xunta "tamén ten a súa responsabilidade" ao producirse os feitos "nun espazo protexido desde 2004". O nacionalista desprazouse este martes até a Ribeira Sacra e comprobou que "o dano ecolóxico é evidente". "Non fai falta ser un técnico ambiental para velo", engadiu.