A oposición denuncia que o rexedor se apropiou do material sobrante dunhas obras e el contesta que, de non facelo, remataría nunha entulleira.
O alcalde entende que o beirado das beirarrúas acabaría nunha entulleira se el non lle atopase outra utilidade
O actual alcalde de Láncara, Eladio Capón, non quere que se desperdicien os restos das obras municipais que poidan ser reutilizábeis. Iso si, segundo denuncia a oposición socialista, prefire atoparlle utilidade ao material sobrante "no seu propio beneficio".
O PSdeG de Láncara acusou ao rexedor (que acadou o posto logo dunha moción de censura) de levar á súa propiedade o beirado das beirarrúas da Rúa Rosalía de Castro de A Pobra de San Xiao, actualmente sometida a unhas obras de mellora. Segundo informa El Progreso, os socialistas denuncian que o material "propiedade do concello" foi parar a un solar particular do propio alcalde quen, segundo as súas propias palabras, quería empregalo para facer un beiril para unha parra.
Capón, molesto pola polémica, explicou que ese material "ía ir parar á entulleira, non ía volver empregarse", polo que non entende o problema de que el mesmo lle atopase unha utilidade. Pola súa parte, a oposición xa adiantou que nos próximos días presentará un escrito no rexistro do Concello convidando a Capón a devolver o beirado. De non facelo, din, será denunciado.