O Goberno busca un acordo para outras dúas rutas: A Coruña-Valencia e Vigo-Sevilla.
O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, anunciou ao remate do Consello da Xunta un acordo coa compañía Vueling para que a partir de marzo de 2010 estean en funcionamento conexións aéreas con Bruxelas, Amsterdam e Zúric, dende as terminais de Peinador, Alvedro e Lavacolla, respectivamente. A maiores a Xunta anunciou un concurso para un convenio que posibilite dúas novas conexións co Estado Español: Vigo-Sevilla e A Coruña-Valencia. No caso de Santiago, Varela limitouse a dicir que manterá as conexións actuais con Londres, Roma e Fráncfort
O Goberno tamén anunciou un reparto “equitativo” de 4,5 millóns de euros destinados ao financiamento de convenios de patrocinio publicitario con liñas de baixo custe nos tres aeroportos. O reparto similar busca, segundo a Xunta, que Galiza sexa “destino único” e que ningunha terminal “avantaxe” ás outras.
Así Lavacolla recibirá neste concepto 1,37 millóns (ao que lle haberá que sumar unha partida especial de 500 mil euros polo Xacobeo); Peinador 1,39 millóns; e Alvedro 1,23.