Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
OPINIÓN

Carta aberta de Carlos Callón ao presidente da Xunta

O máximo responsábel da Mesa pídelle a Núñez Feijo que rectifique na súa política lingüística.

Redacción - 12:49 09/11/2009
Tags:

Ofrecémoslle a carta aberta de Carlos Callón publicada este luns no diario Galicia Hoxe:

Señor presidente:

Son moitos os motivos que me poderían levar a escribir esta carta pedíndolle que mude a súa nociva política contra a lingua propia de Galiza. Aínda que vostede descualifique as mobilizacións en defensa do galego considerándoas “manifestacións preventivas”, a realidade tanxíbel é que nos case oito meses que leva como presidente non cesou de adoptar medidas en contra do idioma que nos une como galegas e como galegos.

En todo o tempo transcorrido desde a súa toma de posesión, aínda non emprendeu nin unha soa nova iniciativa para estender esta lingua a novos ámbitos ou para garantir a igualdade de oportunidades para quen, con toda lexitimidade, queira vivir en galego. Non sabemos, insisto, da primeira acción de goberno que dea cumprimento ao mandato estatutario de que os poderes públicos deben promover o idioma propio de Galiza.

Os miles de galegos e galegas que nos movemos na defensa da nosa lingua facémolo como nunca porque somos conscientes de que é a primeira vez na historia da democracia que un goberno autonómico anda a patadas co galego.

Tamén por vez primeira na historia é moeda común na Xunta que haxa altos cargos que fachendeen de non saber o idioma de Galiza, como se a ignorancia fose un mérito. Hai representantes institucionais do goberno que vostede preside que si saben galego mais que se negan a utilizalo no Parlamento ou nos medios de comunicación públicos creados para promovelo, que ordenan mudar a papelaxe administrativa para que non estea neste idioma, que mesmo infrinxen a legalidade ao responderen por escrito en castelán a misivas que lles chegan en galego... Esta prepotencia e falta de corrección institucional do seu goberno non obedece a ningún criterio racional, moito menos de servizo público, senón a unha política de odio contra o idioma do país.

Nada de preventivo ten tampouco a modificación por trámite de urxencia e cunha firme oposición sindical da Lei de función pública. A súa présa debeuse ao desexo de eliminar o galego como requisito real para acceder a un posto de traballo público, convertendo o castelán no único requisito de facto. Ese proceso, coa argumentación gobernamental de que a lingua propia de Galiza constitúe unha “barreira”, ocupará un lugar destacado na historia das infamias contra a nosa cultura.

Vemos, ademais, como a literatura, a música, o audiovisual e tantas outras expresións culturais no noso idioma se ven agora desnutridas pola institución que competencialmente ten a principal obriga de fomentalas. Non hai ningún motivo presentábel que poida explicar que unha das primeiras accións do seu goberno sexa eliminar a partida que existía para que, tamén neste 2008, houbese axudas públicas para a tradución de libros desde e para o galego. A nosa é a única lingua con algún recoñecemento oficial no Estado que se encontra en tal situación.

Nese mesmo camiño vai a progresiva eliminación ou vaciado da programación cultural dos medios públicos autonómicos. A quen lle fai dano que a Radio Galega teña ao menos un programa que promova as novas propostas musicais no noso idioma? A quen prexudica que na TVG se promovan de forma protagónica os libros na nosa lingua, invisibilizados nas outras ofertas televisivas de ámbito estatal?

Aínda máis: A quen ofende que haxa programación infantil en galego? A decisión de que a TVG emita os Teletubbies en inglés, só con lexendas en lingua galega, non pode máis que considerarse sarcasmo, pois os seus destinatarios (os nenos e as nenas de menos de tres anos) non saben ler. Sabe, señor presidente, que a TVG é a única televisión do mundo que non emite os Teletubbies dobrados á lingua propia? Sabe, ademais, que nin noutras emisoras de televisión nin no mercado podemos encontrar produtos audiovisuais en galego para as nosas crianzas?

Nada ten tampouco de preventivo que se deixe de apoiar a tradución de software ao noso idioma, que a exitosa feira Cultur.gal deixe de realizarse, que se bote o fecho aos premios nacionais da cultura galega, que se impida a regulamentación de dereitos lingüísticos tamén para o galego no ámbito comercial e unha restra de exemplos máis. A listaxe das súas políticas contra a lingua de Galiza, como é bo de ver, é longa. Mais non podo esquecer un ámbito fundamental: o ensino.

Moitas veces di que aínda non derrogou o decreto actual, o 124/07, e pono como exemplo de que ninguén debería saír á rúa en defensa do galego. É certo que non o fixo e que, ademais, tampouco se coñecen cales van ser os trazos da nova proposta, a pesar de todo o tempo transcorrido. O único que se sabe é todo o que xa executou contra a nosa lingua no ensino: promulgar unilateralmente un decreto sobre educación infantil que reduce a presenza do noso idioma, desincentivar o programa de liñas neste idioma entre 3 e 6 anos, romper o modelo das Galescolas que mesmo aplaudiran organismos internacionais, tentar crear un clima social contrario á impartición de materias en galego, crear crispación e enfrontamento social cunha fraudulenta pseudoconsulta cuxos resultados agora nin tan sequera está a ter en conta...

Que no proxecto de orzamentos xerais o departamento de Política Lingüística sexa o que máis decreza (un 20%!) de todos os que conforman o organigrama da Xunta é tamén abondo elocuente.

Pídolle por favor que non repita máis en público que a maioría da xente apoia as súas políticas contra o galego, porque non é verdade. Debería lembrar, coa mínima humildade necesaria para ser un bo gobernante, que vostede é presidente da Xunta porque o seu partido ten un só deputado máis que a oposición e a pesar de que nas pasadas eleccións autonómicas contou con 5.000 votos menos que a suma dos sufraxios conseguidos polo PSdeG-PSOE e o BNG. Igual que debería ter presente que gañar unhas eleccións non é unha patente de corso para facer o que se quixer nin unha autorización para destruír unha lingua e unha cultura.

Debería ser consciente de que a súa política de provocacións e de ataques contra o galego conleva unha importante preocupación social, tanto por parte de persoas que utilizan este idioma no seu día a día como por quen non o fai. Así é: non se autoengane pensando que unha acción de agresións contra o galego vai recibir o aplauso da xente nova ou dos habitantes das zonas urbanas, por falar de dous segmentos sociais que padecen de forma moi aguda a desgaleguización.

A pesar de que hai grupos de poder económico e mediático que pretenden estender o autoodio e sustentar a mingua de dereitos para os usuarios e as usuarias da lingua galega, a verdade é que hoxe a inmensa maioría da sociedade rexeita a galegofobia e apoia a execución de políticas de promoción do idioma natural de Galiza.

Vostede ten enriba da súa mesa desde hai máis dunha semana unha carta que expresa a disposición ao diálogo por parte da plataforma Queremos Galego. Está a tempo de rectificar. Por favor, fágao, porque a súa política contra o noso idioma non pode traer nada bo para ninguén.

A sociedade valorará que rompa coa crispación, que aplique os consensos a que chegamos entre todas e todos, que defenda un dos nosos principais elementos de identidade e cohesión, sen o cal sería inimaxinábel ningún grao de autogoberno; sen o  cal sería inimaxinábel a Xunta de Galiza que vostede preside.


4,94/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: