Os secuestradores exixen que a Audencia Nacional libere os dous compañeiros detidos antes do vindeiro domingo.
A situación do atuneiro vasco “Alakrana”, que conta con oito mariñeiros galegos a bordo, é aínda máis dramática. Cando xa pasa dun mes do seu secuestro do barco, agora os piratas somalís que os teñen retidos ameazan con matar a tres mariñeiros que baixaron a terra antes do mediodía do domingo. Este é o prazo que puxeron para que a Audiencia Nacional libere os dous piratas que permanecen detidos no Estado Español. Segundo noticias de última hora, entre os tripulantes trasladados na mañá deste xoves a terra atoparíase un mariñeiro do Barbanza.
Os tripulantes galegos que conseguiron poñerse en contacto coas súas familias aseguraron que a situación é insostíbel e que coidan que os piratas poden cumprir as súas ameazas. De feito, aseguraron que se, é preciso, volverán por outros tres mariñeiros o vindeiro domingo.
Mentres as familias seguen con extrema preocupación os acontecementos, a ministra de Defensa, Carme Chacón, asegura que o goberno español está a recibir informes sobre os tres mariñeiros que os piratas trasladaron a terra. Chacón afirma que están en marcha todas as vías “políticas, diplomáticas e de intelixencia” para lograr rescatar a salvo aos 36 mariñeiros secuestrados.
Pola súa banda, o presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, manifestou a súa “fonda preocupación” pola situación que viven os mariñeiros. A pesar de mostrar o seu apoio total ao goberno español, Feijoo afirma que ve “discutíbel” a xestión que se está a facer do caso.