Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
INICIATIVA LEXISLATIVA

Carlos Marcos ou a tentativa de resucitar o "coruñesismo"

O ex candidato do Partido Galeguista intenta atopar un sitio en María Pita apelando ao “coruñesismo”. Agora busca 50 mil sinaturas a prol da cooficialidade do topónimo.

R.Vilar - 09:30 05/11/2009

Cando en 2007 o Partido Galeguista anunciou que Carlos Marcos sería o seu cabeza de cartel nas eleccións municipais o estupor foi monumental. Calquera que coñecese minimamente a traxectoria política do empresario coruñés sabía que o seu pensamento político estaba nas antípodas do galeguismo. Marcos nin ocultou o seu ideario real cando en plena precampaña distribuiu 60 mil pulseiras co lema “Me gusta La Coruña”.

Un ano despois, logo de non conseguir representación no consistorio, e caído en desgraza dentro do PG, Carlos Marcos volvía ás súas orixes. Canda o ex líder do PP local, Fernando Rodríguez Corcoba, “resucitaba” unha vella formación localista: a Unión Coruñesa.

Pero que era na súa orixe Unión Coruñesa?

UC naceu a mediados dos 80 nucleada arredor dun importante nome da dereita local: José González Dopeso. Nacido no Carballiño, marchou sendo un neno para A Coruña, onde acabou exercendo a avogacía e sendo unha peza clave na política local. Logo de ser concelleiro co alcalde Alfonso Molina durante a ditadura, González Dopeso entrou na etapa democrática da man de Alianza Popular.

A pesar de que Dopeso era un dos homes fortes de AP na comarca coruñesa e de que chegou a ser conselleiro de Xustiza no primeiro goberno de Xerardo Fernández Albor, sempre mantivo un discurso radicalmente localista e combativo co cambio de capitalidade para Santiago de Compostela.

A “conexión” con Paco Vázquez

En 1983 o socialista Francisco Vázquez chegaba á alcaldía logrando 14 concelleiros, fronte aos oito de Alianza Popular e os cinco de La Coruña Unida, que lideraba o ex rexedor Joaquín López Menéndez. A axustada maioría absoluta saltou polos aires cando tres concelleiros socialistas (entre eles o actual deputado do PPdeG Pedro Arias) abandonaban o partido. Contra prognóstico, Vázquez chegou a un acordo con González Dopeso e aguantou o primeiro mandato á fronte da alcaldía.

Nas eleccións de 1987, distanciado xa de AP González Dopeso concorreu coas siglas de Unión Coruñesa. O seu segundo de abordo non era outro que Carlos Marcos. O fracaso foi máis que estrepitoso e a formación “coruñesista” obtivo pouco máis dun milleiro de votos. Cun discurso municipalista e belixerante co  poder autonómico, Váquez conseguía unha sólida maioría absoluta.

Un trampolín para a política local


Máis de dúas décadas despois da labazada electoral, Carlos Marcos segue acariñando a idea de entrar no pazo de María Pita. Logo de “revivir” as vellas siglas de Unión Coruñesa, Marcos afánase en recuperar aquel vello discurso e intenta disputarlle a “populares” e socialistas locais a bandeira do debate toponímico.

A última “aventura” é intentar lograr 50 mil sinaturas de cidadáns da Coruña que estean a prol de que se oficialice o topónimo castelán. Para iso, esta mesma semana presentou unha solicitude para levar adiante unha Iniciativa Lexislativa Popular. A intención non é outra que presentarse en 2011 como estandarte dun “coruñesismo” que tivo o seu espazo electoral na primeira metade da década dos 80, unha idea que non lle disgusta a unha pequena pero moi influinte facción do empresariado local.


1,38/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: